Nas eleccións estatais de 1977 o centro-dereita de UCD e AP (precedente do PP) obtivo case un 67% dos votos, reducidos no 1979 ao 62,37% . No 1982 o PSOE obtivo un resultado histórico no Estado (202 sobre 350 deputados, con máis do 48% dos votos), mais na Galicia obtivo o 32,83%, semellante ao 32,17% do 28-A. Nesta conxuntura histórica Galicia marcou toda unha excepción, xa que UCD, AP e CDS achegaban aínda case o 58% dos votos.

A cousa mudou, cos seus altos e baixos, máis ou menos dende as xerais de 2004 e autonómicas do 2005, nas que xa se acadou unha maioría progresista. Marcou un fito nesta evolución continua, neste senso, a crise do Prestige e o fenómeno de mobilización de Nunca Maís.

Nas eleccións estatais deste 28-A os votos das opcións progresistas acadaron no noso País un 54,75 %, fronte o 43,8% dos votos do tripartito de dereitas. Os votos a Vox acadaron só o 5,2%, a porcentaxe máis baixa de todo o Estado logo das de Catalunya, Euskadi e Nafarroa. Mais en Madrid as tres dereitas sobardan o 53,46% (case o 14% para Vox), en Castela e León son o 57,25%, en Castela a Mancha o 55,45% (destes Vox acada o 15,3%),en Aragón o 51,67%, na Extremadura o 50,54%, en Murcia o 61,62% (con Vox a rentes do 19%). Andalucía e o País Valenciano, próximos ao 48,5% dos votos tripartitos ou as Illes Balears e Asturies, cun 45,6% manteñen un voto de dereitas ben máis alto ca o galego, só diminuido nos catro territorios de clara presenza soberanista ou territorial: outravolta Catalunya Euskadi e Nafarroa e máis as Canarias.

Canto á achega do galeguismo político, é indubidábel que os seus 113.500 votos ( case 94 mil o BNG, case 18 mil En Marea e uns 2.700 CXG) explican tanto os baixos resultados da extrema dereita como o meirande predominio progresista en comparanza con outros territorios. Mais tamén chama a atención sobre a relevancia relativa acadada polos partidos de esquerda estatal (PSOE e UP). Certo é que a conxuntura do 28-A non será a das autonómicas ou municipais. Mais o galeguismo haberá actualizar a súa mensaxe e alargar a súa base social para lle amosar á cidadanía a súa utilidade para garantir o seu benestar. Será entón cando poida recoller, de xeito estábel no futuro, boa parte dese voto emigrado á esquerda estatal.