Non falarei da catedral de San Petersbourg, nin tampouco dos santos apóstolos do 29 de xuño. Falaremos do que cómpre, da irresponsabilidade da esquerda española.

O 28-A a cidadanía do Estado deulles un 28,7 de votos ao PSOE e a metade-14,3%--á UP. Sólidos alicerces para unha maioría parlamentaria pactando cos soberanistas cataláns, vascos e valencianos. Porque isto foi o que quixo a xente: nada de extremismos de dereitas, non aos neocentralismos e recentralizacións, non abusardes dos sectores medios e traballadores da sociedade.

Estes dous, os Thompson Twins (vostedes desculpen, o Pedro e o Pablo), demostraron outravolta que o español de esquerdas é un suxeito con pouca semellanza a respecto das persoas europeas que traballan contra as inxustizas e os extremismos. A Pedro só lle preocupaba amolar a Pablo e á xente deste, comelos polos pés, humillalos... Querían recuperar aquela presenza do PSOE doutrora que mancou de vez a Grande Depresión. Vaites, Pedro…

Canto ao Pablo tería unha grande oportunidade de evitar eleccións en novembro ( que seica refuga coma o gato á auga quente) se lle outorgase a investidura ao Pedro, ocupando deste xeito, de vez, o castelo da oposición de esquerdas, coa chave que abriría as reformas legais e orzamentos. Porque non quixo tal? Porque é consciente que IU e grande parte de Podemos lle culpa do devalo daquela alternativa que seica ía tomar ao asalto o Pazo de Inverno (vaites casualidade, ben perto da catedral de Pedro e Pablo) e agora precisa de Ministerios para mesmo sobrevivir como líder orgánico.

Un e outro amosaron porque os españois de dereita e esquerda son tan semellantes no seu centralismo testán fronte ao recoñecemento das outras realidades nacionais que habitamos canda eles na Península Ibérica. Velaí, por exemplo, a oferta das dez de últimas do Pablo: “Ok, renuncio ao Ministerio de Traballo; chégame coas políticas activas de emprego”. Vaia oh!, os de Podemos descoñecen que as políticas activas de emprego están transferidas. El logo non eran éstes os que apoiaban o dereito a decidir dos galegos?

Esta irresponsabilidade explica a súa incompetencia do 2015-2019 cando non foron quen de derrogar a lei “mordaza” nin as reformas local e educativa impostas pola maioría absoluta do PP. Velaí que sexa ben chocante que teñan que ser os soberanistas do PNV, JxC, ERC ou Compromís os que defendan os intereses da cidadanía española.

Os partidos unionistas, quer da esquerda, quer da dereita españolas, son incompetentes e irresponsábeis.