Co balbordo éste da fracasada ou-seica- interrupta investidura comentouse ben pouco a proposta enunciada no seu programa como candidato parlamentario polo Presidente en funcións do Goberno do Estado, de reforma do artigo 99 da Constitución para investir directamente ao candidato máis votado nas estatais.

A tal reforma sería unha mutación constitucional fulcral que atentaría contra a liña medular da gobernanza do Estado na Constitución actual, baseada na proporcionalidade entre número de votos e de deputados (bastante deturpada, porén, pola Lei D´Hondt) e máis a soberanía parlamentaria. Neste sistema non collen barbaridades como a da lei electoral grega, que, primando con 50 escanos ao partido gañador, permitiu que os conservadores da Nova Democracia acadaran maioría absoluta con só o 38% dos votos, como tamén permitiu a mesma sobrerepresentación nas pasadas eleccións de Syriza.

A proposta foi precedida pola partidista consulta do CIS de xullo de 2019, que seica lle preguntou ás enquisadas si sería bó non precisar de maioría absoluta para obter o Goberno, aproveitando os problemas da actual investidura. E velaí a consulta-trampa e o insulto mundial á nosa intelixencia, pago vergoñentamente polos nosos impostos que manteñen ese CIS. Porque, como moi ben ven de observar o profesor de Ciencia Política e da Administración da Uvigo, Álvaro López Mira, este argumento é falso, pois que a investidura do Presidente do Goberno do Estado non require de maioría absoluta, senón de maioría simple na súa segunda votación. O que quería preparar o CIS con esta consulta era o camiño para unha democracia aínda de menor calidade, permitindo que un partido cun 26 ou 27 % dos votos e menos do 20% do electorado obteña a Presidencia dun Goberno estatal ou, mañá, nacional galego. “Que goberne a candidatura máis votada. Nada de coalicións que deturpan o voto popular” é a letra desta andrómena, que non só partilla o PSOE senón o seu vello compañeiro do bipartidismo dinástico, o PP.

Nun sistema de representación política baseado no parlamentarismo e na proporcionalidade goberna quen obtén maioría abondo, normalmente a medio de acordos multipartidistas quer de coalición de goberno, quer de pacto de lexislatura. A sociedade é plural, vota plural e, xa que logo, o normal é que só sexa posíbel gobernar a medio de amplos acordos.

Na capacidade de obter consensos cos que non pensan como nós está a chave da gobernanza democrática. Porque os pactos son o cerne da democracia europea.