O cadro actual é unha Galicia sen pulo político, sen liderado social nin económico, que perde sen dar batallas fulcrais (transferencia da AP-9, corredor atlántico europeo de mercadorías…), mal xestionado por un Goberno provincial e provinciano, dependentista, ineficaz e ineficiente. Unha Galicia nun Estado que ven de derrogar tacitamente a garantía constitucional do autogoberno das nacionalidades e desenvolve un intenso proceso de recentralización política e económica e de recurte de liberdades públicas, amosando unha vez máis que no Estado español non hai democracia nin liberdade posíbeis sen garantir o autogoberno das nacionalidades. 

 

Cómpre non se trabucar, a clave dunha politica de benestar e de defensa das liberdades é nacional. Só dende unha perspectiva galega e dende un autogoberno xuridicamente  blindado e financiado a xeito é posíbel mirar polos intereses da maioría social. Estánnolo demostrando non só os escoceses do SNP, os vascos do PNV ou a alianza entre autonomistas e independentistas en Córsega, senón tamén, no País Valencià e as Illes, Compromís e Més por Mallorca, que son quen de alargar o espazo soberanista coa defensa dun financiamento axeitado, do corredor ferroviario mediterráneo ou con perspectivas transversais ambientalistas e de xénero. 

 

Cómpre construirmos a coalición nacional, a Unidade Galega, mais cómpre evitarmos as eivas e defectos históricos do galeguismo político… elitismo, partidismo, falar para un país que non existe, pensar só nos iniciados, trabucarmos as fins últimas e os obxectivos a curto… A Unidade Galega precisa de moita sociedade civil, da pequena e mediana empresa, do feminismo, do ecoloxismo, dunha ampla base transversal e interclasista e dun programa de mínimo común denominador.

 

Cómpre construirmos a coalición nacional, a Unidade Galega, mais cómpre evitarmos as eivas e defectos históricos do galeguismo político

 

E a Unidade Galega precisa dunha vocación de goberno, precisa ser útil. A maioría social galega pide boa xestión, non continuista, senón transformadora. Os sectores que poden votar esa grande opción galega e progresista (só de primeiras, máis do 30% do electorado que non vota PP, PSOE nin Cs, ) son os máis afectados pola mala xestión e os primeiros que poden dar as custas a unha política que non sexa útil.

 

É a hora, pois, da política. De arrumbarmos partidismos e fulanismos e pensarmos a serio no País.



x