Escrebín hai poucos días que o peche n’A Coruña da factoría de Alcoa tiña como orixe bastante próxima a súa venda en 400M USD por Aznar en 1998, nun contexto previo onde os sucesivos Gobernos do Estado impediron o desenvolvemento do sector público empresarial galego deseñado no Estatuto.

Agora Naturgy pecha tamén o Museo da Arte Contemporánea e case ninguén lembra a agresividade coa que Botín e Florentino Pérez impediron a regaleguización empresarial de Fenosa no verán de 2006. Nin tampouco a responsabilidade de non gañarmos a batalla por mor da mala relación do Méndez da Caixa Galicia co Gayoso da Caixanova. E outras concausas. Por certo, un Gayoso que foi cerebro e motor do proxecto.

Naturgy pecha tamén o Museo da Arte Contemporánea e case ninguén lembra a agresividade coa que Botín e Florentino Pérez impediron a regaleguización empresarial de Fenosa no verán de 2006.

 

Dende a primavera do 2009 o Presidente da Xunta mantén unha política dependentista que impide sermos autónomos para atraer potentes investimentos industriais exteriores (Galicia acada menos do 1,5% dos investimentos de capitais de fóra do Estado). Velaí o malfadado caso da súa censura a unha tarifa eléctrica xusta, que abarate os nosos consumos domésticos e, nomeadamente, industriais. Para nós, está visto, é cuestión de supervivencia.

Porque Galicia precisa unidade social e política para os seus intereses, tendo en conta o devalo dos nosos PIB e poboación relativas a respecto das do Estado. PPdeG e PSdeG son parte do problema, mais tampouco reaccionaron neste senso dende 2015 os alcaldes galegos da nova política. Non chega con ser honestos, senón que hai que propor solución viábeis. E o enguedellamento en propostas exóticas como a dos “concellos do cambio” afasta a viabilidade de solucións xenuinamente compostelás ou coruñesas, que miren para a súa área urbana e non minoricen o País e o territorio que son os que fan a cidade.

PPdeG e PSdeG son parte do problema, mais tampouco reaccionaron neste senso dende 2015 os alcaldes galegos da nova política

 

Foi o dependentismo o que nos levou á irrelevancia. Se na fin do século XIX, durante algúns tempos do XX e a primeiros do XXI existiu agasallo ou retribución para algún sectores sociais galegos por acompañar España nun proceso dirixido polas súas tradicionais elites, agora xa non hai premio nesta andaina. Hoxendía fica só a roñería dun capitalismo de amiguetes de BOE en devalo que quere-que ten- que papar onde pode.



x