Na recente mensaxe da Fin do Ano, Núñez Feijóo defendeu implicitamente a supresión indefinida da autonomía catalá que defenden PP, Cs e Vox, negando ademáis que en Catalunya exista conflito ningún. A mensaxe adoptou como marco o cadro A derradeira leición do mestre, de Castelao. O Presidente chegou usar a mensaxe da pintura para xustificar a súa andrómena, porque disque Castelao xa nos avisou das probábeis resultas das agresións á convivencia.

Teño para min que ésta é unha das interpretacións postverdade máis desaqueladas deste século. Porque Afonso R. Castelao e Alexandre Bóveda (de quen  Castelao adopta a fasquía facial que pinta no mestre asesinado) eran uns grandes artista e economista, si, mais por riba de todo foron os líderes políticos do Partido Galeguista que foi quen de acadar o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia (1936)  como concreción intermedia e temporal do dereito a decidir de Galicia que defendían, o mesmo ca o dereito a decidir da Catalunya.

Xustificar a supresión da autogoberno catalán diante do cadro de Castelao é, xa que logo, un exercicio de cinismo político. Para xustificar a mensaxe deitada puido escoller o Presidente unha foto de Aznar ou Carrero Blanco, mais non unha pintura de 1944 baseada nun debuxo de 1937 creado para denunciar internacionalmente a represión franquista sobre Galicia, onde matou milleiros nun país que non coñecera guerra civil ningunha, senón só violencia da parte dos que mataron o mestre pintado polo patriota rianxeiro.

Para xustificar a mensaxe deitada puido escoller o Presidente unha foto de Aznar ou Carrero Blanco, mais non unha pintura de 1944 baseada nun debuxo de 1937 creado para denunciar internacionalmente a represión franquista sobre Galicia

 

Para máis, dende a perspectiva dunha mensaxe da fin do ano do Presidente dun país, Núñez Feijóo calou sobre os principais problemas do País. Nada falou da sanidade canda o colapso das urxencias da capital compostelá e da asistencia primaria da área sanitaria de Vigo. Nada falou da colonial imposición que sofrimos os galegos pagando os carburantes e a enerxía eléctrica máis caros do estado, cando somos quen refinamos o crú e producimos a electricidade. Nin tampouco da penalización da meirande suba da peaxe do estado español na AP-9 (3,51%), vía sen alternativa de balde que dá servizo ao 70% da poboación deste país. Xa nin falamos da minguante evolución da demografía e da poboación activa, que amosa o fracaso económico do dependentismo feijoniano.

O Presidente tenta agachar a súa ineficacia cun discurso anticatalá. Unha xustificación cativa para o fracaso da súa política dependentista.    

  



x