Resulta rechamante a frialdade oficial da Xunta e do Parlamento a respecto do pasamento do primeiro presidente de Galicia eleito por un Parlamento democrático. Está a faltar sentido institucional e sentido de País, porque Fernández Albor pertence á historia política común. 

Gerardo Fernández Albor era un home moi de dereitas, mais non colaborou coa ditadura nin participou na oligarquía franquista. Foi chamado á guerra e partillou no Exército franquista como tantos milleiros de galegos houberon de facer. Entre 1938 e 1939 recibiu adestramento como piloto de guerra español por parte da Luftwaffe alemá. Tocoulle ir á guerra, canda tantos outros, mais non fixo parte ningunha nas políticas de represión e despoxo franquistas. Para máis, o seu círculo persoal, familiar e de amizades non tiña nada a ver cos círculos de poder franquistas, mantendo nos últimos anos do franquismo unha morna militancia a prol da lingua e cultura galegas.

Tocoulle ir á guerra, canda tantos outros, mais non fixo parte ningunha nas políticas de represión e despoxo franquistas

 

Como Presidente tivo o acerto de apoiar a política de institucionalización do autogoberno (edificios de San Caetano, CRTVG, conformación da Administración e Facenda autonómicas, melloras do financiamento, normalización lingüística…) desenvolvida polos seus vicepresidentes X.L. Barreiro e Carlos Mella e, sobre todo, pola unanimidade dos voceiros parlamentarios da I lexislatura do Parlamento, na que salientaron por CG Pablo G. Mariñas e polo PSG-EG Camilo Nogueira. Mais despois das eleccións de 1985, nas que non puido quitar a maioría absoluta, o desgoberno e falla de proxecto acadaron tal dimensión que a moción de censura de 1987 foi inevitábel, pondo remate a aquel seu desaquelado Goberno.

O desgoberno e falla de proxecto acadaron tal dimensión que a moción de censura de 1987 foi inevitábel, pondo remate a aquel seu desaquelado Goberno

 

Nos últimos anos Fernández Albor acentuou o seu conservadurismo e afastouse bastante do morno galeguismo da súa madureza, quizais por nunca ter asumido a súa responsabilidade política no proceso que deu no seu cesamento no 1987.

De calquera xeito, Fernández Albor foi o primeiro Presidente de Galicia elixido por mandato parlamentario despois da transición e, coas súas eivas e defectos, pertence á historia deste País e require das súas Institucións un recoñecemento póstumo digno, como fan todas as nacións cos seus persoeiros. A falla dese recoñecemento por parte do actual Goberno e Parlamento galegos amosa nidiamente  a pouca trascendencia simbólica que a dirección actual do PPdeG  lle atribúe ao autogoberno.



x