Os deputados cataláns de Junts per Catalunya Jordi Sànchez (antigo presidente da Assemblea Nacional de Catalunya-ANC) e Jordi Turull (conseller de Presidencia con Puigemont) veñen de decidir unha folga de fame para denunciar, ao xeito da tradición da non violencia do Mahatma Gandhi e do alcalde de Cork, Terence Mc Swiney, a parálise dos seus recursos de amparo fronte ás interlocutorias do Tribunal Supremo que acordaron a súa desaquelada prisión preventiva.

A importancia destes recursos de amparo, interpostos algún deles hai maís dun ano, é que mentres non sexan rexeitados os presos políticos non poden acudir á vía do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH). Nun 98 ou 99% dos casos os recursos de amparo son inadmitidos por falla de interese constitucional. Éstes foron admitidos e abocados ao coñecemento do Pleno. Mais non é xustificábel o atraso na resolución, só entendíbel no contexto de atrasar tamén o acceso á xurisdición europea de dereitos humanos.

Pedro Sánchez prometeu un xuízo xusto, mais despois das eleccións andaluzas do domingo e da enxurrada dereitista que botou fóra Susana Díaz do Goberno meridional, a tensión que xerará este xuízo entre unha España do centro e do sur botada ao monte do españolismo máis irredento e un 80% de cataláns solidarios cos presos políticos vaille impedir calquera paso cara unha solución política do problema.

O que si amosará esta folga de fame son as limitacións democráticas deste xuízo diante da Europa e o mundo todo. Mais o 16,2% de votos de Vox na Andalucía fai agromar un euroescepticismo trumpiano que tamèn se alimenta do rexeitamento ás decisións xudiciais europeas. A dereita radical tripolar tenderá a se desvencellar da Unión Europea.

A ARRINCADEIRA. AS DEREITAS, HEXEMÓNICAS EN ANDALUCÍA.

Foi Vox quen permitiu, con 10,99 % dos votos, o trunfo do bloque de dereitas na Andalucía (59/109, con 49,99% dos votos), ao sumar a súa porcentaxe co 20,75% do PP e o 18,27% de Cs. O PSOE, que segue a ser o máis votado (27,95%), foi prexudicado pola elevada abstención, que tampouco beneficiou a esquerda andaluza de Adelante Andalucía (16,18%). As dúas forzas de esquerda perden 17 deputados.

Vox quita votos non só do PP e de Cs, senón tamén da abstención e quizais de Podemos. A súa irrupción agoira tempos de xiro á dereita. PP e PSOE haberían aprender que a cidadanía escolle antes o orixinal cá a copia.
 



x