Nunha democracia, diante da realidade dun delicto só cómpre a reacción penal, investigando o feito e condenando aos seus autores. Na Galicia do 2019 é totalmente rexeitábel dende os pontos de vista político e ético o exercicio da violencia, por baixa que sexa a súa intensidade e malia que non xere ou non queira xerar danos persoais.

Mais para xulgar e condenar estes feitos violentos non todo vale . O primeiro que cómpre é respectar a presunción de inocencia. E no caso do prendemento, hai días, dos supostos líderes da chamada Resistencia Galega a información que se deu dende o Goberno do Estado non respectou esta presunción, dando por feita tanto a adscrición orgánica dos detidos a un grupo terrorista como os feitos obxecto da acusación, como se o futuro xuizo fose un trámite.

O sistema xurídico español presenta neste eido graves chatas incompatíbeis cunha democracia occidental avanzada. Porque esta caste de delictos somètense ao coñecemento duns Xulgados e Tribunais sitos en Madrid e con xurisdición para todo o Estado: a chamada Audiencia Nacional (AN). Unha xurisdición excepcional (diga o que diga o Tribunal Constitucional) incompatíbel co principio constitucional e de Dereito Europeo e Internacional do xuiz ordinario predeterminado pola Lei: o Xuiz ou Tribunal de Compostela, Vigo ou Lugo. E esta xurisdición non só é orgánicamente rexeitábel, senón que profesa unha funcionalidade de clara fasquía represiva. Unha condena como a da AN que lles impuxo 18 anos de cárcere a Eduardo Vigo ou Roberto R. Fiallega e 10 a María Osorio e a Antón Santos sería impensábel en calquera das 8 Seccións penais das 4 Audiencias galegas, como tampouco sería probábel unha dirección do xuizo tan parcial como a do maxistrado da AN Alfonso Guevara naquel xuño de 2013.

Outra chata incompatíbel cunha democracia avanzada é o cumprimento das condenas fóra de Galicia, que tan cotián é na AN. Hai aínda moi poucas semanas que Vigo, Santos ou R. Fiallega están en prisións galegas. Están condenados eles, non os seus familiares. Cumprir condena fóra da Terra constitúe sempre, neste ou en calquera outro caso sexa cál fór o delicto, unha vulneración dos dereitos das familias e dos presos.

E, en último de contas, o batizo da operación policial de prendemento desas persoas (“Operación Lusista”) é moi desaquelado, pola criminalización que supón de lexítimas opcións lingüísticas e mesmo polo desprezo que conleva para a cidadanía irmá portuguesa.

Obxectivamente Galicia non ten hoxe un problema de violencia política. Compre, xa que logo, dar os pasos que procedan para resolver os problemas…cumprimento das penas no país e os beneficios penitenciarios que procedan para axustar a resposta penitenciaria á real dimensión das condutas desenvolvidas.