A data conmemorativa do 25-N lembra a necesidade de parar o meirande problema de dereitos humanos que temos na Galicia e na Europa toda: a violencia machista. Semella absurda, en termos relativos, a preocupación por outras cuestións secundarias cando non estamos a ser quen de parar esta catástrofe. Sen dúbida existe unha priorización lexislativa, mais non orzamentaria. Falemos claro. Á loita contra a violencia machista o que lle cómpre é financiamento abondo, garantido e blindado: dispositivos electrónicos para maltratadores, formación específica en violencia machista para xuices, avogados e policías e moitos máis- e mellor dotados- xulgados especializados en violencia contra a muller. Tamén, no ámbito menos cuantitativo e máis cualitativo un modelo de educación en igualdade e unha autorregulación mediática para non repenicar os modelos machistas.

Mais permitídeme que, por un día, lembre que non todo neste eido depende do sector público, senón que require tamèn da concienciación cidadá, nomeadamente, a de nós, os homes. A meirande parte dos homes nas nosas sociedades non somos machistas. Mais, diante dun problema tan grave na vida de máis da metade da cidadanía, na vida do xénero ao que pertencen as nosas nais e aboas, fillas e netas, parellas e amigas, estamos a manter unha pasividade, cando non indiferenza, polo menos cómplice.

Tentarei pór exemplos. Cantas veces tentamos entender os delictos de violencia machista nas drogas, alcohol ou nas doenzas mentais e cantas outras facemos o mesmo con outros delictos violentos? Cantas veces somos tépedos no rexeitamento ao discurso de criminalización do feminismo, sendo tépedos diante do uso da verba “feminazi”? Cantas veces homes que se teñen por intelixentes, espelidos e progresistas laianse-laiámonos- de determinadas actitudes do feminismo? Seríamos quen de facer o mesmo referido ao soberanismo galego, ao socialismo, liberalismo democrático ou ao sindicalismo? Non vemos cantas veces somos condescendentes coa loita das mulleres no canto de sermos os seus cómplices?

Os homes haberíamos recoñecer que moitas veces o noso desenvolvemento profesional-mesmo algunhas expansións do noso tempo de lecer- foi posíbel pola dedicación ás obrigas domèsticas e familiares das nosas parellas e, mesmo, das nosas nais, irmás ou fillas. Cómpre ver nidiamente que moitos temos desfrutado de privilexios personais por mór do noso sexo.

Velaí que sexa tan importante gañarmos conciencia diante desta realidade. Porque os homes podemos facer, temos que facer, moito máis.