A convocatoria das eleccións estatais para o 28-A confirma o fracaso de Pedro Sánchez na construción dun discurso democrático, social e territorial alternativos ao da dereita nacionalista española (hoxe tripartita), chata na que partilla a culpa coa dirección estatal de Unidos Podemos. Porque, ao longo das dúas lexislaturas de maioría progresista, non foron quen a derrogar ou modificar substancialmente leis contra as liberdades democráticas e os intereses das maiorías sociais como a chamada “ley mordaza” ou as recentralizadoras e privatizadoras leis estatais de educación e de modernización dos gobernos locais. Tampouco Sánchez nestes oito meses foi quen de lle propór á cidadanía catalá unha alternativa política á independencia. Mesmo nin voltar ao Estatut de 2006 que aprobara en referéndum a cidadanía catalá.

 

A proposta orzamentaria de Sánchez era inadmisíbel para Galicia, como se lle fixo saber dende a dirección de En Marea. Xa que logo, a decisión de catro dos cinco deputados mareantes aprobando un texto lesivo para os intereses de Galicia vulnera os propios acordos da coalición estatal, que por proposta de Beiras acordou en xullo de 2016 someterse ás decisións da dirección do partido galego En Marea. Entre o proxecto galego que representa a actual dirección de Luis Villares (encarnada no Congreso pola deputada Alexandra Fernàndez, única que votou en contra do Orzamento) e a liña pablista-yolandista de Podemos e EU é moi difícil que poidan converxer nunha coalición para as estatais.

 

Semella, tamén, difícil que as forzas de soberanía galega (En Marea, BNG e CXG) poidan converxer cara os comicios do 28-A. É complexo que líderes locais que van competir o 26-M nas municipais colaboren catro semanas antes noutro proceso electoral, mentres que para moitas persoas as feridas do Congreso do BNG de Amio aínda doen. Ademáis, cada partido representa un proxecto político de seu, bo para a mellor e máis completa vertebración do galeguismo político, tendo en conta que, ás veces, as coalicións non sempre suman.

 

Porén, os partidos de soberanía galega haberían entender a excepcionalidade do momento. Se lle sumamos os dez anos de goberno Feijóo á expectativa dun tripartito da dereita extremista, Galicia precisa garantir unha voz de noso en Madrid, tanto no eido das liberdades democráticas, como no social e no nacional. Unha coalición baseada nas forzas políticas soberanas galegas, mais tamén na sociedade civil: entidades e persoas independentes. Porque só unha oferta desta caste pode desincentivar no noso país o voto cara ao PSOE que quere Sánchez (que nunca soubo ser PSdeG), como único muro diante da dereita española e máis xerar multiplicativamente votos novos alén dos marcos ideolóxico-sociais das forzas que se unan.

 

A política ha percurar solucións acaídas ao momento histórico. Os reptos fan aos políticos e aos pobos. Galicia ten dereitos e intereses e precisa que gañen os que a defenden.



x