O balbordo xerado polas doazóns da Fundación Amancio Ortega ao Sergas e a outras Administracións sanitarias esixe pormos a cuestión no seu xusto termo, sen nos deixar levar polos argumentos de a patacón que as dereitas e Unidas Podemos están a usar neste superficial debate.

Son dos que prefire que os ricos paguen impostos a que fagan doazóns. Mais nisto Amancio Ortega non é o problema. Inditex foi acusada de elusión fiscal. Elusión que constitúe o lexítimo exercicio da opción entre as distintas xurisdicións fiscais e nunca unha ilegal evasión. Promóvanse, entón, reformas fiscais para que as grandes empresas paguen máis e harmonicen impostos as distintas xurisdicións europeas. Porque eu non vin nunca empresa ningunha que renunciase á súa devolución no Imposto de Sociedades. Vostedes si?

Teño escrito en SERMOS GALIZA que a historia de Inditex coñeceu luces e tebras. Entre as últimas a inviabilización empresarial de moitos dos seus primeiros provedores e un efecto xeral negativo en moita da súa competencia do téxtil galego. Tamén cómpre subliñar que o efecto-sede de Inditex no noso país, con ser moi importante, aínda non se corresponde directamente, nin moito menos, coa real dimensión do Grupo.

Moi probabelmente as Administracións sanitarias públicas estean máis necesitadas de abastada dotación humana ca de máquinas contra o cancro. Mais a Fundación Amancio Ortega non pode, legalmente, doar diñeiro para pagar soldos. E, malia algunha excepción na confusa fase inicial do programa de doazóns, adoita doar o que se lle require polas propias Administracións sanitarias receptoras. Velaí que o compromiso de Amancio Ortega coa sanidade pública sexa indubidábel. Podía ter artellado un complexo contractual e fundacional que derivara os efectos da súa doazón na sanidade privada. E non o fixo. Só lle doa ás sanidades públicas. Non foi Amancio Ortega quen duplicou a facturación da sanidade privada galega ao SERGAS nos últimos dez anos nin quen deteriorou a atención primaria coa xubilación dos médicos aos 65 anos. Foi Alberto Núñez Feijóo.

Amancio Ortega nunca fixo lobbies, nin pagou doutrina a prol da baixada de impostos e salarios, como adoitan facer os bancos, distribuidores eléctricos e grupos construtores-concesionais do Ibex 35. Tampouco senta no palco do Bernabeu canda Florentino Pérez nin Inditex ten na súa sede en Madrid, senón en Arteixo, no noso país, na Galicia.

Deixémonos de lerias. Amancio Ortega non é o problema. A solución é un sistema fiscal moi progresivo que achegue os recursos precisos para que a sanidade pública non precise destas achegas. Ou se poidan destinar a outras necesidades públicas distintas dunha sanidade que ha de se fornecer exclusivamente vía impostos.