É preciso influirmos en Madrid e Bruxelas cunha representación parlamentaria de noso e máis facendo lobby. Aló adóptanse decisións fulcrais para a nosa economía e benestar e máis se asignan moitísimos recursos económicos. Galicia ten que estar aló onde se adopten esas decisións para defender os intereses da nosa xente. Uns intereses que non adoitan ser relevantes para o Estado nin para a UE. Velaí o problema da industria electrointensiva (Alcoa, Ferroatlántica ou Megasa) ou as recorrentes crises dos sectores leiteiro ou naval.

Mais con ser tan importante a presenza galega neses foros, máis importante é o autogoberno como instrumento para facermos xestión transformadora e construirmos unha economía solvente e sostíbel que sexa quèn a xerar emprego de calidade e eficientes servizos públicos que garantan o noso benestar.

O marco xurídico-político español impón as provincias, interfire na gobernanza e autonomía dos nosos concellos e nos asigna só o 3% dos recursos estatais para as Administracións locais, cando representamos máis do 5% da poboación do Estado (perdemos así 600 M€/ano). Acadarmos competencias exclusivas e excluíntes na organización territorial e réxime local permitiría suprimirmos as provincias, liquidando unha onerosa estrutura de Plenos, Presidentes e Subdelegacións do Goberno do Estado. Permitiría artellarmos un mapa territorial baseado nas áreas urbanas e na comarcalización funcional que consorciase os principais servizos entre os concellos da área próxima. Un mapa territorial que acompañase unha mellor asignación de recursos e servizos para xerar benestar. Cos 600 M€/ano máis que nos cómpren por poboación.

Que dicir dos cinco portos de interese xeral galegos! Tan privilexiados no eixo Canle de Panamá-USA-Europa e tan vencellados á desaquelada xestión centralista de Madrid. Coa transferencia destes portos pode ser revertida a magoante situación actual, na que o porto de Leixoes duplica o tránsito de contedores dos cinco portos galegos de xestión centralista.

E os tres aeroportos! Un sistema aeroportuario galego mellorará o turismo extracontinental e mesmo europeo arredor da Labacolla e aquelará as necesidades de mobilidade de Inditex, PSA e moitas outras empresas arredor de Peinador e Alvedro.

Cumpriría seguermos coas competencias en política de promoción industrial, Banca Pública, política tarifaria enerxética, salvamento marítimo ou orde e seguranza públicas e tantas outras. Mais a conclusión é ben nidia: só con máis autogoberno Galicia xerará no futuro máis benestar e unha economía abastada e sostíbel.