Certo. Eu tamén reivindico o dereito a me enganchar na estela xerada polo secuestro do libro e da emisión da serie Fariña. Pero, como non podía ser doutro xeito eu vou levalo ao territorio máis político. Ollo, non quero dicir que a cuestión de que o tráfico de drogas ou a súa legalización non sexan unhas cuestións políticas. Claro que o son. Refírome a que pretendo enlazar o tema en cuestión coa vertente máis partidaria e máis ligada ao mundo das liberdades e os dereitos políticos.

 

Para empezar, o contrabando e os negocios escuros sempre estiveron moi mesturados coa política. Polo menos coa política do século XX: velaí está o caciquismo que habitou a Restauración Borbónica; ou os subornos da empresa Straperlo aos partidos gobernantes da dereita republicana; ou o franquismo estimulante do mercado negro, coas súas elites enleadas en xogadas escuras como as de Redondela (ou o caso Reace); ou unha transición á democracia baseada no financiamento do PSOE a través do coñecido como caso Flick.

 

O contrabando e os negocios escuros sempre estiveron moi mesturados coa política

 

Certamente unha das cousas que mellor explica a obra de Nacho Carretero (e non tanto a serie) son as estreitas ligazóns entre o mundo do narcotráfico e o partido do goberno (e curiosamente tamén cos clubs de fútbol). De feito, un dos seus principais argumentos é que en Galicia o alicerce mesmo da corrupción está estreitamente vinculado á vella Alianza Popular desde antes do noso nacente Estatuto: Vicento Otero (“Terito”), Bea Gondar, “Nené Barral”, Pablo Vioque,... , a listaxe daría para a aliñación dun equipo que evidencia a ligazón de AP co este mundo do güistón de batea. E aínda así, nada superaría a imaxe evocada polo caso Naseiro: unhas escoitas telefónicas autorizadas para pescudar sobre un caso de contrabando de cocaína foron dar co tesoureiro do Partido Popular, Rosendo Naseiro, e deitaron a sospeita de financiamento irregular da forza política que dirixía Aznar.

 

Unhas escoitas telefónicas autorizadas para pescudar sobre un caso de contrabando de cocaína foron dar co tesoureiro do Partido Popular, Rosendo Naseiro

 

Estes son os baluartes da democracia en Galicia, os que nos explican que iso do imperio da lei, aquela máxima de “quien la hace, la paga”, o de que todos somos iguais ante os tribunais. Son estes os que reservan para nós unha liberdades diminuídas e unhas obrigas axigantadas, mentres para eles fica a boca ancha do funil. Si, a nosa é unha democracia parida desde o mercado negro e dirixida polos amigos do alleo e do narcotráfico. Os mesmos que elevan ao grao de delito unha expresión artística, unha vontade popular ou a publicación dun libro. A este paso, a nós vainos quedar unha democracia de batea, no que as nosas opinións ficarán para o marco relacional máis próximo, pero non para as redes sociais ou para a súa difusión masiva. Ficará para nós un dereito de información contabilizado en “B”, no que teremos novas de declaración pública e a verdade residirá nun mercado aparte. E a vontade dos pobos a ser o que queiran ser xa é hoxe unha democracia de batea: aquela que todo o mundo prefería, era máis accesible, pero que o Estado non che deixaba consumir para que tiveras que mercar aquela que tiña o timbre legal do Reino de España.

 



x