Esta obra, da autoría de Éric Vuillard, vérquese ao galego ao pouco da súa publicación orixinal en francés. A responsábel desta versión é Antía Veres. Quen, por certo, acaba de gañar o premio de tradución Plácido Castro.

Ambientada, a principios dos anos trinta, no ascenso imparábel do nazismo en Alemaña, o relato dos feitos vai desvelando, con habelencia narrativa, condicionantes, imposturas, delirios, covardías e mentiras dos principais axentes da vaga de exterminio propiciado durante o III Reich.

O material do que se bota man combina, nunha concibida estrutra capitular, variadas estratexias narrativas, entre as que sobrancean as dislocacións temporais –cuxos resultados, coma no caso do xuízo de Núremberg, se anticipan na prolepse–, a descrición, a crónica ou o contrapunto de perspectivas ofrecido polo cambio de planos temáticos, que, lonxe de se afastaren do contido tratado, contribúen a lle outorgar un enfoque novidoso á materia enxergada.

Velaí, entón, algunhas das realidades que se poñen en evidencia nesta obra: a falsidade trazada no discurso nazi –coa clara intención de terxiversar o relato dos feitos–; a grandilocuencia vehemente das grandes arengas; a manipulación e o impecábel labor de propaganda exercido dende o imperio; a perversión nazi na construción dunha película infinda –da autoría de Goebbels– na que non se distingue o verdadeiro do falso.

Tras do cal, coma se dunha densa cortina de fume se tratase, emerxe a verdade rescatada da ruína dos cascallos dos grandes homes.

Mais, nas páxinas interpretativas da historia, cómpre desencriptar o anonimato deses nomes e pólos á luz da explicación do auxe do Partido Nazi e de cara á tramposa sedución das multitudes. Segundo se describe, por exemplo, a propósito da marcha triunfal de Hitler camiño de Viena: “As rapaciñas levantan ramos de flores, o xentío axita as súas pequenas bandeiras con cruces gammadas, todo vai ben”. “Non se disparou nin un tiro. Que tristeza!”, acusa a voz narradora.

Tal como se define na novela, “o alto clero da industria e da banca”, na reunión mantida con Hitler o 20 de febreiro de 1933, poría os seus recursos ao servizo desta causa totalitaria.

Grandes empresarios quen, logo, por certo, se aproveitarían da man de obra regalada dos milleiros de rostros cadavéricos deportados dos campos de concentración. Cuxa “esperanza de vida era duns poucos meses. Se o preso se libraba das enfermidades infecciosas, morría literalmente de fame”.

No exercicio de pór á luz a desencriptación daquel “nirvana da industria e das finanzas” cómpre referir o nome de firmas tan coñecidas como Krupp, Bayer, BMW, IG Farben, Agfa, Schneider, Schell, Telefunken, Siemens, BASF, Opel ou Allianz.

Con todo, brincadeiras da historia á parte, o referido, só constituiría un episodio normal no mundo dos negocios xa que, todos estes nomes, “sobrevivirán ao réxime e financiarán no futuro moitos partidos de xeito proporcional ao seu desempeño”.

Mais, ao longo destas páxinas, podemos asemade achegarnos ao perfil dalgún dos principais axentes desta época, caso da faciana perversa de Goering e Ribbentrop, ao papel condescente de lord Halifax ou ao entreguismo covarde do chanceler Schuschnigg e o seu papel nefando no que foi o Anschluss.

E todo isto sen esquecer os delirios grandiosos do espazo vital alemán. Que se enraizaron dun fondo de pensamento extraído da obra dalgúns significativos autores e que se complementou, no paroxismo paranoico, ao son do glamour dunha potente tradición musical centroeuropea.