As arestas irregulares do gume irto dun cristal que se fenden na carne da propia man, e que, malia iso, non deixa de apreixar con forza. O sufrimento irremediábel dun pasado sombrío, que tamén se quixese agachar mais que non deixa de supurar sangue.

Como xa levara a cabo nalgún outro significativo título, nesta nova produción, Ledicia Costas amosa a súa habelencia narrativa para afondar nos ángulos máis crueis da beira escura da condición humana.

De se abordar o contido do relato dende unha perspectiva psicanalítica, de certo que no labor de esculca haberían agromar, unha e outra vez conceptos recorrentes emerxendo do subconsciente.

Os cales, no seu conxunto, conformarían un círculo vicioso, con menos luces e máis sombras, dunha realidade bipolar. Marcada por termos estruturantes como culpa e expiación ou crime e castigo.

Sen obviar o protagonismo dunha influínte ambientalidade, no que unha mesta neboeira difumina os perfís da (ir)realidade. Nos que se invoca o poder das forzas do mal e –nunha atmosfera moi confusa– mesmo se apela á práctica exorcista para –coma no clima con tebras– botar luz sobre as consecuencias máis terríbeis da crueldade.

Instalados, xa que logo, neste altermundo pecaminoso de ritos e crenzas, no exercicio dun sacerdocio coas táboas da lei rotas, conviría asemade fixar outro concepto vertebrador do relato: a hipocrisía.

E, así, neste ámbito, do mesmo xeito ca na impunidade devota dunha sancristía, vístense e íspense, cóbrense e encóbrense, mais nunca se descobren, moitas miserias da condición humana.

Daquela ao achegármonos de preto á que semellaría unha sociedade modélica é doado decatarse de que unha turbia arañeira de accións e relacións entre protagonistas é a responsábel misteriosa da auténtica e omnipresente faciana do mal.

Deste xeito, o malfado que paira no ambiente ten, entre outras concausas, a pederastia de certos ministros da Igrexa, o abuso de poder de quen ostenta unha posición social preeminente, un férreo patriarcado imperante así como arraigados complexos e traumas procedentes da infancia.

Unido a isto, como causa, consecuencia ou efecto, a violencia latente que se respira resulta abafante. De onde deveñen, entre outras derivas, a tentativa de evasión da realidade, os prexuízos –en especial de índole sexual– ou un medo profundo que enche de pesadelos a existencia.

Na fin da historia, cando semellaba insinuarse unha resolución do conflito principal, a voz narradora deixa aberta a non inverosímil posibilidade da continuación da trama nunha nova entrega.

De ser así será entón o intre de comprobarmos cara a que sentimentos e con que andanzas discorren os versos do remate poético dunha obra que esencializa a exclusión.