A finais de abril deste ano a plataforma virtual blogaliza, en vigor dende 2003, pechou as portas. Nela albergábase o blogomillo, ou conxunto de bitácoras existentes en galego.

Esta é, como non pode ser doutro xeito, unha efectiva mostra máis dunha planificada morte por inanición exercida, dende hai tempo, dende as altas instancias do poder, contra calquera manifestación da nosa cultura, expresada, claro é, na nosa lingua.

Unha consecuencia foi, a raíz disto, o SOS lanzado polos creadores de As escollas electivas, o portal de poesía galega contemporánea, creado e mantido, dende terras estremeñas polos galegos Mari Paz Paz e Suso Díaz.

A cuestión que se lles formulaba ás/aos poetas que forman parte desta bitácora era ficar na rede, xa baixo doutro dominio, ou, pola contra, desaparecer canda a plataforma na que esta se albergaba. A resposta non se fixo agardar. E segue a dar no albo de cuestións medulares que nos definen como pobo. Dunha banda, o feito de termos unha parte importante de dirixentes politicos, de baixas miras, escuros intereses e alleos propósitos, que tentan atrofiar o máis vivo da nosa identidade.

A cuestión que se lles formulaba ás/aos poetas que forman parte desta bitácora era ficar na rede, xa baixo doutro dominio, ou, pola contra, desaparecer canda a plataforma na que esta se albergaba

 

Doutra banda que, o conxunto dos nosos creadores, alén de expresarmos a firme vontade de permanencia, realizamos decote achegas e ideas para dinamizar os vieiros de expresión da nosa lingua. Inmenso agradecemento, entón, a estes dous bos e xenerosos, MariPaz e Suso, quen, malia viviren lonxe da terra, a teñen decote presente. A estas dúas persoas que, instaladas na modernidade, exercen como galegos. Con fachenda e intelixencia, sen prebendas nin complexos.

O noso deber é tomar nota deste exemplo. E, dende calquera instancia que queiramos, e en calquera circunstancia, facer posíbel o exercicio do pleno dereito que nos asiste de expresármonos en galego. Polo de pronto, velaí un convido. Entra no renovado enderezo d’As escollas electivas e, logo de te recreares en poetas e poéticas, compárteo con cantas máis persoas mellor. Eis a ligazón: https://asescollaselectivas.wordpress.com/

Saúde e Poesía!



x