Fronte ao absoluto desleixo institucional cómpren medidas efectivas que sexan aplicábeis para frear a hemorraxia da enxurrada desgaleguizadora e incidir de xeito favorábel no imaxinario da mocidade. A través dun sector estratéxico da nosa avellentada poboación: o alumnado que accede á ESO nos ámbitos vilegorrurais de contextos galegofalantes.

Nunha destacada —e desapercibida— obra sociolingüística galega dos últimos  tempos, Do estigma á estima, de Valentina Formoso, incídese nisto. A representación positiva da lingua fomenta a función identitaria e cultural do galego e, asemade, contribúe, dende a normalización, á difusión dos valores positivos do mundo rural.

O ensino é un eido acaído e factíbel para incidir, de xeito doado, neste ámbito. A través do labor dos ENDL —sen facer renuncia do termo proscrito ‘normalización’—. O traballo coa oralidade no instituto dende a cultura tradicional é unha sinxela e eficaz proposta didáctica aquí obxecto de atención.

Esta consiste na recollida, na contorna do alumnado, de mostras da literatura popular —lendas, contos, cantigas...—, en soporte dixital, para analizar e interpretar . Trátase de facer unha esculca nos elementos do patrimonio cultural propio para traballar e pór en valor.

O labor lévase a cabo en varias xeiras progresivas e contempla as seguintes fases: 1ª) recolla e transcrición das mostras; 2ª traballo cos textos na clase; 3ª interpretación pública deles —na aula, a través dunha actividade de oralidade no centro...

Neste sentido resulta magoante comprobar como a rendíbel e exitosa experiencia do certame de relato oral Tíralle da Lingua, convocado entre os diversos centros de Galiza pola AS-PG, leva xa dous cursos sen se celebrar. Se a razón disto fose a falla duns esixíbeis recursos de financiamento deberíanse xa procurar institucións coas que colaborar.

Entre os aspectos positivos que esta práctica —fundamentada coa oralidade dende a cultura tradicional— conleva están: aprecio da riqueza dialectal propia; eliminación de castelanismos —con especial recorrencia, nestes usuarios, na morfoloxía verbal e no léxico—; afianzamento da variante estándar e dun padrón fonético de seu; impulso da expresividade e da exposición pública na nosa lingua; socialización en galego do alumnado castelán falante ou que se expresa noutros códigos.

A experiencia demostra que é esta unha estratexia moi útil para eliminar representacións negativas e tecer elos identitarios e culturais, que serán chave para consolidar actitudes que confirmen e reforcen comportamentos lingüísticos de uso habitual en galego na adolescencia.

Deste xeito estaranse formando galegofalantes plurilingües, imprescindíbeis para contrarrestar o imperante contexto castelanizador dominante. Porque, como Manuel Núñez Singala apunta no recente Sacar a lingua é de mala educación, as oportunidades de emprego van estar directamente relacionadas co coñecemento de idiomas, dada a mobilidade transnacional e as prestacións das tecnoloxías da comunicación.

Nun mercado de traballo globalizador no que a mocidade que se exprese en galego vai xogar con vantaxe. Tanto pola súa meirande accesibilidade a outros códigos —pénsese no conxunto das linguas románicas— coma polo acceso directo ao dominio emerxente da lusofonía, tal como constatan exitosas experiencias profesionais.

Mentres os poderes públicos non asuman e promovan un desenvolvemento integral do galego, en cada sector e no conxunto da sociedade, é este un eido operativo no que se debe profundar.

Porque no seu día cumprirá reformular unha planificación educativa que, ata este intre, vive de costas ás ilimitadas potencialidades —que han de ser incluíbeis nas programacións— dun silenciado mundo rural.



x