A última entrega narrativa de Francisco Castro achégase a un ámbito problemático dende unha múltiple vertente. O xa de seu complicado mundo da adolescencia vese comprometido por mor dunha minusvalía adquirida, na figura da protagonista, a causa dun accidente automobilístico.

Mais o nobelo da historia entretécese aínda máis cunha dupla dimensión. Nela ao plano do real sobrepónselle o do virtual. A querenza polos mundos paralelos creados ao abeiro das TIC constitúe unha temática recorrente na produción deste autor. Non esquezamos, entón, a incerteza do conflito recreado na desacougante Spam.

Agora, con Iridium, a fermosa ollada dunha moza é o espello no que se enfrontaren as dimensións, se callar contrapostas mais tamén complementarias, da realidade. Entrambas definíbeis nunha palabra de dobre rostro: (im)perfección.

Mais o nobelo da historia entretécese aínda máis cunha dupla dimensión. Nela ao plano do real sobrepónselle o do virtual

 

Códigos e linguaxes da comunicación dixital tan en voga entre a mocidade contemporánea transportan con eficacia o relato entre a inmediatez e o permanente.

Porque é o ollar, profundo e necesario, con que enxergar a existencia dende o que cómpre distinguir de xeito nidio dous planos opostos, flutuantes en todo o relato: o da virtualidade e o da virtuosidade.

Este é un texto concibido e recomendábel para a nosa rapazada. A función pedagóxica da literatura asume, polo tanto, o pulso das costuras da narración de xeito recorrente. De aí que a teor desta perspectiva se observen diversos e rendíbeis ángulos de abordaxe, teledirixidos cara a este convulso sector de idade.

Este é un texto concibido e recomendábel para a nosa rapazada. A función pedagóxica da literatura asume, polo tanto, o pulso das costuras da narración de xeito recorrente

 

Algúns dos máis significativos son os que seguen: as relacións paterno-filiais, o culto á aparencia, os comportamentos violentos, as prácticas perigosas, a iniciación nas relacións afectivas, o complexo ámbito do ensino, o proceso de maduración, a exclusión social, os prexuízos, as actitudes intolerantes, o valor da singularidade fronte ao gregarismo.

A apelación á solidariedade fica presente, no remate da historia, na vindicación de colectivos que traballan a diario para que as persoas con discapacidade poidan ter unha vida máis digna.

E, por riba de todo, o inmenso valor da lectura e da literatura —dentro do que merece unha mención especial no discurso a poesía—. Para contribuír ao medrar, á formación, ao desenvolvemento da intelixencia.  E, sobre todo, á construción en liberdade da personalidade dos/-as adolescentes.



x