En senllos e sucesivos sábados, 6 e 13 de outubro, cádrame participar en cadanseu acto de lembranza e recoñecemento á obra literaria do Lois Antón. Na biblioteca que leva o seu nome en Casardeita (Ramirás) e máis, de xeito respectivo, no Poemagosto en Allariz. A vontade de ser fiel á nosa ancestral cultura popular, na que estes de cheo se mergullan, espéllase na totalidade dos títulos do vate de Escudeiros. Xa sexa no libro de homenaxe feito, en 2009, en recoñecemento da súa voz, na obra dramática Lembranzas dun tempo esquecido ou no conxunto publicado dos seus versos, esparexidos en Pequeno poemario para a xente pequena, A máis fermosa roseira, Vellos e novos cantares e Aos bos e xenerosos.

 

Como responsábel da preparación da práctica totalidade destes libros, posúo algúns datos que, ao final, no papel impreso, non chegaron a transcender. Así, nunha nota editorial que non viu luz no volume editado en 2012 indícase o seguinte: “Cando estaba a escribir estes versos en cada estrofa soaba unha melodía no meu maxín. Ao final, case todos os versos están suxeitos a sons populares e recoñecibles”.

 

A musicalidade é, logo, unha fasquía salientábel de boa parte da súa obra. Composta por pezas para seren cantadas ao son dunha melodía galega tradicional, ao que asemade contribúe, canda á transparencia da mensaxe —onde o mundo dos cativos nunca se exclúe como destinatario—, a relevancia que nas composicións se lle concede ao ritmo, á rima e ao uso de metros curtos.

 

De turrarmos polo fío desta significada vertente repararemos en que o seu labor literario está inzado de alusións ao xenio vivo da lingua e ao celme da harmonía que desta se deriva. De aí que sexan frecuentes as apelacións a moitas formas da música tradicional, como cantigas, panxoliñas, foliadas, regueifas, desafíos ou muiñadas.

 

A musicalidade é, logo, unha fasquía salientábel de boa parte da obra de Lois Antón

 

Isto cómpreo pór en estreita relación con que se trata dunha produción, na que latexa o acento do pobo, para ser declamada. E aquí cabe lembrar, ao fío dunha extraordinaria memoria e voluntariosa disposición que el posuía, a potencialidade interpretativa —non allea a calquera contexto que se prestar— deste poeta popular chamado Lois Antón. O que determina, entre outras razóns, que gozase dun amplo coñecemento, recoñecemento e consideración pública.

 

Nos seus versos agroma decote a autoestima e a dignidade de ser rural, de ser labrego e, ao tempo, de ser galego. Algo que para algúns dirixentes políticos que, arestora, se coidan situados na vangarda, parece semellar incompatíbel, de tanto que queren verse instalados nunha exclusiva, exclusivista, alienante e famélica urbanidade de fachada de cartón.

 

No Sempre en Galiza, libro de cabeceira do desaparecido autor do Alcouce, Castelao afirmaba que se “somos galegos é por obra e graza do idioma”. E abofé que, a esta máxima, nunca foi alleo este fistor. Así, a xeito de exemplo, no poema “A Lingua”, que forma parte do seu libro reeditado en 2015, en consonancia co acabado de indicar, exprésase o seguinte: “O pobo que perda a Lingua,/perde a súa identidade,/personalidade e honra,/e tamén a dignidade”.

 

Nos seus versos agroma decote a autoestima e a dignidade de ser rural, de ser labrego e, ao tempo, de ser galego

 

Mais esta é, daquela, unha nota constante e reiterada da súa palabra poética. Que non fica exenta dun claro afán didáctico. Canto máis de termos en nidia consideración que o destinatario ideal da súa mensaxe é a rapazada galega, nas súas verbas, “semente de futuro, esperanza do porvir”.

 

De aí que, á totalidade da súa obra coñecida, lle resulte moi acaído o sintagma —co que se nomea un libro coral feito en honra súa— Voz da terra, arela de pobo. Porque o seu acento, enxebre —e radical—, contribuíu decote a facer realidade esta célebre expresión do ideario político no que el sempre acreditou: “Queiran ou non/Galiza é unha nación”.

 



x