Este libro agranda un xa de seu meritorio catálogo de obras incluíbeis dentro do que é a novela negra galega. E, pola súa vez, no repertorio creativo de Domingo Villar, supón unha agardada nova entrega protagonizada polo inspector Leo Caldas.


Con epicentro na Escola de Artes e Oficios, o escenario no que, en época actual, se desenvolve a intriga vén determinado por ambas as ribeiras da ría, Vigo e O Morrazo, polo tanto, co continuo tránsito en barco, dunha marxe á outra, entre ficción e realidade, como elemento de interacción.
Unha historia pulcra, de avance impecábel, ten o mérito de ir enguedellando os elementos da trama dun xeito harmónico. De tal maneira que o lectorado se mergulla de modo progresivo nun universo tan complexo coma engaiolante.


Nel os diferentes elementos que entretecen a historia discorren con tensión poderosa cara a un desentrañamento dos feitos en que se asiste a un continuo especular de posibilidades. Abertas nun abano polas que transitaren as pescudas mais que, ao fin, van pechando as saídas polas que semellaba abrirse luz nunha pescuda tan complexa coma misteriosa.


E, ao fin, coma as tebras dunha mesta neboeira, a confusión somerxe os avatares da investigación policial. E vai ennobelando unha complexa urdime onde, no vasto espazo desta gorentosa narración, nada é supérfluo nin fica ao abeiro do desleixo. Senón que, ben pola contra, acaba por converxer a medida que as costuras da trama tensan as dimensións do cosmos narrado.


Polo que concerne aos protagonistas, o fluír dos acontecementos dá pé á circulación dun amplo espectro de personaxes urbanos. Definidos, no seu conxunto, pola diversidade de perfís sociais e profesionais. O cal, en definitiva, espella a variedade e mestizaxe que poboa o escenario -a cabalo entre os produtos da horta e o formigón- das nosas cidades.


A publicación desta obra vén avalada polo éxito comercial dos títulos anteriores deste autor. En función disto e da repercusión mediática abranguida cabe determinar que este feito implique unha boa proxección para a nosa literatura. En especial, polo que supón no que respecta ao comercio extragalego, de cara, polo tanto, ao mercado internacional.


No tocante ao ámbito doméstico o revulsivo potencial vese freado, en gran medida, pola ausencia dunha efectiva política cultural propia que potencie os produtos na nosa lingua. En detrimento, claro é, dunha competencia diglósica, evidente nas loxas das librarías, consistente en promocionar e visibilizar o libro traducido á lingua do estado no canto da versión orixinal en galego.


Coincide en boa época a chegada deste título aos mercados literarios. Por canto é unha obra apta para calquera tipo de lectorado, incluído xa o sector da adolescencia. E pola súa doada lectura, que en ningún intre deixa indiferente. Senón que, ben pola contra, nos atrapa cada vez máis segundo van avanzando as páxinas.


Un produto, xa que logo, ao xeito e recomendábel, para todos os públicos. Tanto para sobrelevar as calores do verán coma para, ao mesmo tempo, enfriar o lado máis salvaxe da nosa existencia.

Área de anexos