Oportunidades do multilingüismo na infancia e na idade adulta é o explícito subtítulo deste novo volume publicado, na “Biblioteca Intervención Social / Didáctica”, pola Editorial Galaxia.

Denantes deste Sacar a lingua é de mala educación, o autor, Manuel Núñez Singala, xa dera ao prelo, na mesma colección, En galego, por que non?, no cal se desmontan prexuízos e simplificacións contra a nosa lingua. Traballos entrambos que son de recomendábel emprego no ensino secundario.

Tal como se sinala ao comezo da obra, “non falar galego é furtárllelo aos fillos, e iso pode provocar neles un estigma máis grave ca o que se pretende combater: o da ignorancia, o do analfabetismo no idioma da comunidade en que viven”.

“Non falar galego é furtárllelo aos fillos, e iso pode provocar neles un estigma máis grave ca o que se pretende combater"

 

A destreza lingüística das persoas é clave na formación, dado que estimula a propia capacidade intelectual. A aprendizaxe de linguas supón reforzar a intelixencia, debido a que con cada nova lingua que se aprende se adquire unha nova dimensión á hora de comprender o mundo. E, pola contra, se ao alumnado só se lle ensina unha lingua, estase a a decidir por el e a restrinxir o uso das súas alternativas, debido a que ninguén pode escoller usar un idioma que non coñece nin no que non é abondo competente.

Ademais, entre o demostrábel argumentario que inclúe esta obra, as oportunidades laborais da mocidade van depender moito —a teor da mobilidade transnacional e mais do uso das TIC— da competencia en cantos máis códigos sexan quen de dominar. Ao que se lle engade a potencialidade internacional da nosa lingua, vehiculizada a través do emerxente ámbito da lusofonía.

Tendo en conta que o galego, no seo da nosa sociedade, é a lingua minorizada, resulta, polo tanto, imprescindíbel que os/as cativos/-as teñan a suficiente exposición nesta lingua, e nunca en grao inferior ao 20% dos usos, como hoxe acotío acontece.

A inmersión lingüística semella un dos sistemas máis acaídos para aprender un idioma. Con ela garántese unha exposición intensiva na lingua propia

 

Chegados a esta altura, a inmersión lingüística semella un dos sistemas máis acaídos para aprender un idioma. Con ela garántese unha exposición intensiva na lingua propia. O obxectivo é, logo, asegurar que as xeracións máis novas sexan perfectamente competentes aquí nas linguas que lles son oficiais. A actual política lingüística, de aplicación directa no sistema educativo, para nada garante a igualdade de galego e castelán, nin responde pola adquisición de destrezas en galego no noso territorio, nin, moito menos, pola superación dos poderosos prexuízos que pexan a posibilidade da súa extensión.

Cómpre, xa que logo, implementar unha estratexia adecuada que teña como fundamento o feito de que usar a lingua —propia— sexa o sinal auténtico da boa educación.