Con Tres pintores retorna Xosé Cid Cabido á produción narrativa, logo de case unha década de silencio.

Trátase dunha obra que ten a viaxe como motivo desencadeante. Por veces fai traer á recordación aquela mítica On the Road, de Jack Kerouac. Se ben aquí semella ser a filosofía taoísta o elemento que substitúe a procura da transcendencia do libro publicado en 1957.

Do mesmo xeito que, como pano de fondo, se pode enxergar asemade A esmorga, de Eduardo Blanco Amor. Tanto pola peregrinaxe de varias xornadas encarreirada por tres mozos como polos avatares que estes viven pola beira das sombras do cotián.

Este autor asentado no espazo vigués posúe, entre os elementos que singularizan a súa obra, un peculiar emprego do punto de vista. En consonancia con isto, non é infrecuente atopar, nesta historia relatada en primeira persoa, situacións nas que os personaxes se amosan á marxe das convencións impostas por unha sociedade de base mercantilista, que ten no diñeiro e no consumo as dúas caras complementarias da mesma moeda.

De aí devén, no desenvolvemento da trama, a funcionalidade do sistema filosófico atribuído a Lao-Tse. Materializábel, xa que logo, na permeabilidade de ser quen de se ir adaptando ás circunstancias, sen que isto lles produza o máis mínimo desgaste psicolóxico aos personaxes.

Dáse aquí un sinxelo e efectivo exercicio de escritura, non alleo ao guión cinematográfico, apreciábel, entre outros aspectos, na tendencia ao esquematismo ou na axilidade dos diálogos. Mais tamén cabe engadirlle a isto un consabido enfoque irónico ou paródico que é quen de desacralizar a materia narrada.

A abundancia de referencias fílmicas, musicais ou literarias enchoupa de contemporaneidade o fluír do discurso. Valla como exemplo a d’ O anxo exterminador, de Luís Buñuel, que contribúe a considerar o contrapunto da irrealidade no relato.

Polo que respecta ao eido pictórico, á parte das disquisicións artísticas que presenta, cómpre subliñar a homenaxe que no texto se lle tributa a unha figura. É esta a do desaparecido pintor Andrés A. Vila, quen mesmo acada protagonismo encarnado nun dos actores da narración.

O Vigo dos anos oitenta é o punto de partida e chegada dun periplo inesquecíbel. Dende a zona das Travesas á de Churruca, variedade de referencias poboan un universo real con pegadas no pasado. Do que forman parte espazos coma o Southfork, o Misa ou o Kremlin. Polos que, grazas á evocación literaria, podemos volver andar de novo outra vez.