A poeta ourensá Arancha Nogueira amosa con contundencia outra nota nova de voz. A súa estrea literaria producírase xa en 2013, con Andar descalza, obra coa que obtivera o premio de poesía Francisco Añón. Neste certame volveu resultar galardoado en 2018 o seu título spleen en catro tempos, publicábel en vindeiras datas polo Concello de Outes.

Agora, este mesmo ano, deu ao prelo o poemario o único lugar onde ficar inmóbil. É, como sinala no prólogo Verónica Martínez Delgado, “un libro que berra desde o silencio e visibiliza a dor desde o centro do corpo da muller”.

Autora de escrita en clave feminina, a súa obra reclama o discurso de poetas actuais como Lupe Gómez ou María Lado. Como ela mesma recoñece para Sermos Galiza, nun número do suplemento “A Fondo” publicado a inicios deste verán, na actualidade o seu meirande interese na escrita versa sobre os espazos e os corpos que os habitan.

Autora de escrita en clave feminina, a súa obra reclama o discurso de poetas actuais como Lupe Gómez ou María Lado

Rastros disto visibilízanse no trazado dunha creación que reivindica para si o compromiso activo, a ollada atenta á realidade e máis a transparencia da linguaxe. Para, deste xeito, a poesía crear un discurso de verdade.

“Algo que doe/que non sabía que tiña”, declárase n’ “A sospeita”, primeira parte da obra. De aquí devén na segunda, n’ “O naufraxio”, o sentir do desprendemento do útero materno: “tiven a sensación de ser dúas/coma se unha estivese atrapada sempre en ti”. E con el o baleiro: “e teño a soidade/metida polas buxías do sexo/a soidade/como unha bóla enorme e prateada/para bailar comigo a túa ausencia/e desleitarme os cadrís que teño rotos”.

Entón, no terceiro e derradeiro relanzo da obra —que é o que lle dá título ao conxunto—, é cando “as gorxas de todas as nais/están berrando que foi de nós”. Cando se escoita o “salaio de ter unha barriga inchada/e unha man quente por ela/bicando o rostro do meu ventre como nunha felación tranquila”.

E se confirma, entón, en multiplicidade, o desdobramento, na resonancia que emerxe do mito, “das pequenas de ollos mornos e/preguiza/ás que eu chamaría Ofelia polas súas mágoas/e as enormes ganas de lanzarse aos ríos”.

Cando todos os rostros se esvaen, na época outonal do recollemento, “como unha enfermidade estraña”, é cando a voz acentúa o baleiro ontolóxico primeiro da existencia.

Que se transforma en máxima universal, con independencia do son de cada código: “en todos os idiomas hai unha palabra para perda./o líquido dos seus debuxos/dos ritmos todos/da vergoña da pronuncia/en todos os idiomas/aínda que non poida falalos”.



x