A poeta ourensá Arancha Nogueira amosa con contundencia outra nota nova de voz. A súa estrea literaria producírase xa en 2013, con Andar descalza, obra coa que obtivera o premio de poesía Francisco Añón. Neste certame volveu resultar galardoado en 2018 o seu título spleen en catro tempos, publicábel en vindeiras datas polo Concello de Outes.

 

Agora, este mesmo ano, deu ao prelo o poemario o único lugar onde ficar inmóbil. É, como sinala no prólogo Verónica Martínez Delgado, “un libro que berra desde o silencio e visibiliza a dor desde o centro do corpo da muller”.

 

É, como sinala no prólogo Verónica Martínez Delgado, “un libro que berra desde o silencio e visibiliza a dor desde o centro do corpo da muller”

 

Autora de escrita en clave feminina, a súa obra reclama o discurso de poetas actuais como Lupe Gómez ou María Lado. Como ela mesma recoñece para Sermos Galiza, nun número do suplemento “A Fondo” publicado a inicios deste verán, na actualidade o seu meirande interese na escrita versa sobre os espazos e os corpos que os habitan.

 

Rastros disto visibilízanse no trazado dunha creación que reivindica para si o compromiso activo, a ollada atenta á realidade e mais a transparencia da linguaxe. Para, deste xeito, a poesía crear un discurso de verdade.

 

“Algo que doe/que non sabía que tiña” declárase n’ “A sospeita”, primeira parte da obra. De aquí devén na segunda, n’ “O naufraxio”, o sentir do desprendemento do útero materno: “tiven a sensación de ser dúas/coma se unha estivese atrapada sempre en ti”. E con el o baleiro: “e teño a soidade/metida polas buxías do sexo/a soidade/como unha bóla enorme e prateada/para bailar comigo a túa ausencia/e desleitarme os cadrís que teño rotos”.

 

Entón, no terceiro e derradeiro relanzo da obra —que é o que lle dá título ao conxunto—, é cando “as gorxas de todas as nais/están berrando que foi de nós”. Cando se escoita o “salaio de ter unha barriga inchada/e unha man quente por ela/bicando o rostro do meu ventre como nunha felación tranquila”.

 

E confírmase, entón, en multiplicidade, o desdobramento, na resonancia que emerxe do mito, “das pequenas de ollos mornos e/preguiza/ás que eu chamaría Ofelia polas súas mágoas/e as enormes ganas de lanzarse aos ríos”.

 

Cando todos os rostros se esvaen, na época outonal do recollemento

 

Cando todos os rostros se esvaen, na época outonal do recollemento, “como unha enfermidade estraña”, é cando a voz acentúa o baleiro ontolóxico primeiro da existencia.

 

Que se transforma en máxima universal, con independencia do son de cada código: “en todos os idiomas hai unha palabra para perda./o líquido dos seus debuxos/dos ritmos todos/da vergoña da pronuncia//en todos os idiomas/aínda que non poida falalos”.



x