Artigo asinado conxuntamente entre Manuel Dios Diz, Carmen Fernández Ríos e Xoán Hermida González

Desde hai tempo, fundamentalmente por erros estratéxicos das forzas do cambio, camiñamos a paso firme cara ao retorno do período pre-15M e ao modelo dominado polo bipartidismo anterior ao 2011.

Tres foron as grandes novidades que deberan representar as forzas da chamada 'nova política' e que si ben inicialmente apuntaron despois, nun proceso de envellecemento prematuro,  foron abandonando en favor de discursos e prácticas da vella esquerda.

O primeiro, un cambio de paradigma epistemolóxico entendendo que na sociedade actual existe unha fonda crise democrática e de representatividade polo que os elementos do rexeneracionismo político e da radicalidade democrática convertense en pezas centrais para a acción política. Isto sumado á crise ambiental global que non se pode abordar engadindo un 'punto verde' nos programas senón facendo vertebrar arredor do ecoloxismo político e da emerxencia climática todo o corpo de intervención política.

Cremos un erro que En Marea e Máis País non chegaran a un acordo para esta repetición irresponsable de eleccións xerais

O segundo, un cambio de carácter ontolóxico, que permita ensanchar o suxeito da acción política do cambio.  O que se deu en chamar transversalidade non é un abandono de principios programáticos ou unha renuncia a cuestións centrais dun programa de progreso senón  facer política pensando nas novas maiorías sociais das sociedades post-industriais.

O terceiro, un cambio metodolóxico. A sociedade non quere partidos oligárquicos senón espazos amables de participación cidadá.

E isto ademais, nun estado onde esa cidadanía ten proxeccións colectivas de identidade nacional diversa ás que hai que darlle corpo político nos espazos de cambio.

Moitos activistas sociais (re)incorporámonos á política tras a crise do 2008 e á calor de AGE, construímos espazos cidadás nas nosas localidades, con maior ou menor éxito, e apostamos por En Marea como traslación dese movemento municipalista a nivel nacional.

Cremos un erro que En Marea e Máis País non chegaran a un acordo para esta repetición irresponsable de eleccións xerais. Dito acordo sería dunha gran relevancia para  construír un espazo nacional verde, moderno e renovador, superador da vella esquerda e do nacionalismo tradicional.

Somos conscientes que as urxencias electorais e contradicións políticas, a precaución electoralista de Máis País e a indefinición política de En Marea non creaban as mellores condicións para un acordo, pero En Marea debería ter priorizado no fundamental sobre outras consideracións, uníndose ou no seu caso apoiando un movemento en marcha que asente a cultura política da esquerda galega nas correntes de política renovadora que se dan en toda Europa. Facer política útil é estar no lugar onde se dan as mellores condicións de facela  e non na comodidade de quen sempre ten a razón, aínda que se teña.

Existen moitos interrogantes sobre o futuro da plataforma electoral que Máis País ten artellado con Equo a nivel de estado e con Compromís e a Chunta a nivel territorial. O propio Máis País pode ser un axente conector ou ter a pretensión, como Podemos,  de hexemonizar o movemento de cambio para converterse nun partido vertical máis, envellecido á primeira de cambio, pero hoxe por hoxe é a ‘última’ oportunidade para que a xanela de cambio aberta polo 15M non se peche.

O resultado electoral de Máis País a nivel de estado vai condicionar o proceso de recomposición do espazo do cambio. A existencia en Galicia dun polo que aporte a masa crítica de carácter nacional a esta nova aposta renovadora pode ser importante para construír no 2020, xunto con movementos cidadás e iniciativas municipalistas, a alternativa que nas eleccións autonómicas desprace a Feijóo e abra un novo tempo para Galicia.

En tempos complexos, cando incluso a extrema dereita ameaza con normalizarse nas institucións, deberiamos fuxir da tendencia natural á melancolía, froito da frustración e da impotencia. Sabemos que as forzas e os ánimos son cada vez menores pero volver apostar por fórmulas xa fracasadas ou inhibirse non van facer que as cousas melloren. Das crises xorden sempre novas oportunidades e é mellor intentalo, unha vez máis, sempre. 

Sempre Máis