Dende o ano 2008, a Xunta de Galiza e o Ministerio de Defensa Español, a través da Consellaría do medio rural, veñen asinando convenios para a prevención dos lumes forestais. O título do convenio (prevención de lumes forestais) non se axusta á realidade xa que o obxectivo do convenio di claramente que é para o despregue operativo de patrullas terrestres, con misión de vixilancia e disuasión, de acordo cos niveis de riscos medio, alto e moi alto. Estes convenios amosan, tal se fosen lapsus psicolóxicos, como entende de verdade a Consellaría do Medio Rural, a loita contra os lumes forestais. Non como o que é, unha cuestión política, senón como un problema de orde pública e xa que logo, as forzas de orde pública teñen que vixiar e disuadir.

A duración deste convenio para a campaña deste ano vai dende o 15 de agosto ate o 30 de setembro, podendo prorrogarse até fin do ano. O custo do mesmo elevase a 469.604,41 euros. Ao que hai que engadirlle, no caso de nivel de risco alto, a cantidade fixa de 19.660,32 euros máis 6.641,16 euros por día que as forzas militares se manteñan na zona. En números redondos, o custo deste convenio superará con creces o medio millón de euros.

Este convenio asinado entre a Xunta de Galiza e o Ministerio de Defensa español indica que todas as comunicacións oficiais tanto verbais como escritas que vaian dirixidas ás Forzas Armadas involucradas neste convenio e que teñan relación co servizo serán sempre en castelán. Esta cláusula entra en contradición co Estatuto de Autonomía de Galiza, que no seu artigo 5 di que a lingua propia de Galiza é o galego que xunto co castelán serán idiomas oficiais en Galiza e que todos teñen o dereito de coñecer e de usar. Curiosamente quen incumpre o escrito no Estatuto de Autonomía de Galiza é a propia Xunta. Volve repetirse o feito histórico que os españois sempre avanzaron coa espada, a cruz e o idioma.

Se se analiza o desglose do custo total do convenio, podemos ollar que a Xunta de Galiza, é dicer, os galegos e as galegas pagamos por todo. Por dietas o persoal, por mantemento dos vehículos, polo combustíbel, pola telefonía e até polos taxis para desprazar o persoal até os helicópteros. É dicir, pagamos como se se estivese contratando a unha empresa privada.

A presenza das Forzas Armadas na verdadeira loita contra os lumes forestais é totalmente inoperante. Se cadra dende a inxenuidade ou dende o descoñecemento, quixera facer a seguinte pregunta: Se o persoal das forzas armadas son funcionarios/as do Estado e os seus salarios xunto co mantemento das instalacións e dotacións militares están contemplados nos Orzamentos xerais do Estado (que tamén pagamos os galegos e as galegas) por que temos que pagar de novo a presenza das forzas armadas no territorio galego mediante este convenio da Xunta de Galiza e o Ministerio de Defensa Español? Semella que estamos ante un novo trabuco que os súbditos e súbditas da periferia temos que pagar ao Reino.