O Partido Popular e o Partido Socialista veñen de aprobar o Ditame da comisión especial non permanente de estudo e analise das reformas da política forestal, de prevención e defensa contra os lumes forestais e do Plano Forestal de Galiza, constituída a raíz da vaga de lumes que sufriu o territorio galego en Outubro de 2017.

Este Ditame, aínda que cunha linguaxe conscientemente ambigua para disimular, parte da base de que a problemática dos lumes forestais que padece a nosa nación non é consecuencia nin da política de montes nin do cambio climático. Son simplemente actitudes incendiarias individuais. Daí que non plantexe alternativas ás causas estruturais que provocan os lumes forestais (falla de ordenación do territorio, monocultivo forestal, abandono do medio rural, desordenación das masas boscosas...). Centran a solución dos lumes forestais nunha acción policial. Xa que logo, a derivada que vai traer este Ditame é a de perpetuar que os lumes forestais sigan sendo unha grave problema para o territorio galego.

Vistas así as cousas, as recomendacións que plantexa este Ditame resúmense na idea de reafirmar que o monte galego ten que ser somentes forestalista-productivista. De feito, incorpora a demanda da industria forestalista e da madeira de que o monte galego ten que fornecer as súas necesidades (piñeiros e eucaliptus). É dicir,  que os titulares destas terras non poden polas en valor segundo as súas necesidades e decisións, senón que teñen que polas ao servizo de industria forestalista e da madeira.

A derivada que vai traer este Ditame é a de  perpetuar que os lumes forestais sigan sendo unha grave problema para o territorio galego

 

Pola contra, non recolle o contido da Iniciativa Lexislativa Popular intitulada “Protección e mellora dos hábitats do bosque autóctono, racionalización da xestión do monte e loita contra os incendios forestais”, elaborada pola Alianza por un Medio Rural Galego Vivo (Adega, CIG, Fruga e Orgacccmm), que —no que fai respeito ás plantacions de eucaliptus (especie forestal que segundo o planificado no Plano Forestal actualmente vixente ocupa 500 mil hectareas máis do previsto)— plantexa cuestions tan razoábeis como a moratoria na plantación desta especie ou a súa eliminación das terras agrarias e das figuras de protección medio ambiental. É dicir, plantexa ordenación e xestión e, xa que logo, medidas contra dúas das causas estruturais que provocan os lumes forestais .

A pesar do fracaso que supuxeron e supoñen as chamadas Sociedades de Fomento Forestal —nos seus máis de 10 anos de existencia apenas se formaron cinco— o Ditame insiste nesta xestión empresarial do monte, neste caso de particulares. Non son nen o minimamente democráticos para admitir que ao lado das Sofor cumpriría potenciar tamén as Unidades de Xestión Forestal  —constituíronse 35 en apenas dous anos de vixencia do decreto que as fomentaba— ou outros modelos de xestión en común dos montes de particulares que plantexaran os titulares dos mesmos. Mais os partidos políticos asinantes do Ditame, cando se trata de pór nunha báscula ou pór en valor os montes de xeito multifuncional e sustentábel ou entregarlles estas terras ás empresas forestais ou madeireiras, non teñen nengunha dúbida: apostan polo segundo .

No que fai referencia aos montes veciñais en man común, o Ditame aprobado polo PP e polo PSOE avanza un chanzo máis no obxetivo de privatizar estas terras comunitarias. Os intereses capitalistas especulativos e urbanísticos non perden ocasión para acadar os seus obxetivos. E para iso válelles calquer cuestión. Hoxe é a problemática dos lumes forestais, mais mañán podería ser o ditame dunha comisión de estudo, creada no Parlamento Galego para decidir se hai vida máis aló dos confíns da terra. Unha recomendación desta comisión tamén sería a privatización dos montes veciñais en man común. Estamos diante duns obxetivos que raian nunha obsesión enfermiza. De feito o Ditame mantén todos os chanzos da política agresiva contra os montes veciñais en man común (fiscalidade inxusta, obriga a pagar as falsas e inxustas débedas dos consorcios e dos convenios, obriga de investir 40% dos ingresos onde decida a industria forestal e da madeira, incautación dos montes veciñais para entregarllos de balde ás empresas forestais privadas por un periodo de 50 anos...).

No que fai referencia aos montes veciñais en man común. o Ditame aprobado polo PP e polo PSOE avanza un chanzo máis no obxetivo de privatizar estas terras comunitarias

 

A única novidade ao respeito dos montes veciñais en man común é, como non podería ser menos, negativa, e consiste en esixir coñecementos forestais acreditados para poder ser membro dunha xunta reitora (cousa que non esixen nen para os montes de varas nen para os montes particulares). E, de non os ter, non poderán xestionar as súas terras. Esta esixencia non somentes ataca o carácter xermánico da titularidade veciñal (as comunidades de montes non son organizacións adicadas somentes á venda de madeira, son sociedade civil organizada que ten como fin a defensa e a posta en valor das súas terras). É un ataque mesmo aos principios da democracia (cada persoa, un voto). É voltar á democracia dos “sabios” (autodefinidos por eles mesmos), a democracia elitista/clasista, a democracia orgánica. Mais, no fondo, esta proposta aberrante ten un obxetivo claro: usurpar a xestion dos montes veciñais aos seus titulares e pór no seu lugar os que decidan os “sabios”

Que lles parecería aos e ás dirixentes do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galiza, e cítoos a eles porque son os pais e as nais desta criatura, se as comunidades de montes afirmáramos que non poderian asinar ningún proxecto a levar adiante nos montes veciñais por non ter acreditado coñecementos do monte veciñal e moito menos da xestión democrática das comunidades de montes, dado que en ningún nível do ciclo escolar galego se estudan estas dúas cuestións? Aberrante, verdade? Pois o mesmiño que a vosa proposta .

Se ao Ditame sobre a problemática dos lumes forestais, asinado polo PP e polo PSOE, facémoslle un desbroce, unha poda e unha monda, por falar en termos forestais que ao parecer nos esixen, que queda ao descuberto? Pois queda que preferen un monte ao servizo dos intereses da industria forestal e madeireira antes que un monte sen lumes. Mais, iso si, neste Ditame traballado xa brota con forza un dos obxetivos principais: a eliminación dos montes veciñais en man común.