Non cabe dúbida de que os resultados do nacionalismo (BNG) nas últimas eleccions ás Cortes Xerais do Estado foron insuficientes. Mesmo se se quere apurar, un fracaso. Mais estes son termos acaídos para comentar un resultado deportivo, non para facer unha analise política .

Os resultados insuficientes do nacionalismo non significan, como pretenden voceiros interesados da banda de estribor, que se debe a que o BNG está fóra da realidade do Pais ,nin como pretenden voceiros, tamén interesados, da banda de babor, que se debe á falla da unidade (por riba) das diversas expresións do nacionalismo e do galeguismo .Os resultados débense a que a conciencia nacional da sociedade galega é cativa .

Constatar esta realidade non pode querer dicer resignarse á mesma, xa que esta actitude significaría asinar a acta de defunción do nacionalismo. É dicer, o non crer nas forzas propias do país. Foi precisamente esta cuestión o cerne do que aconteceu na Asemblea da Amio e que viña larvada de bastante tempo atrás. Constatar esta realidade ten que significar recoñocer que os métodos e os xeitos do nacionalismo de chegar á sociedade galega, se cadra, non son os máis acertados. E por este camiño deberíase profundizar.

É certo que nos insuficientes resultados eleitorais que obtivo o nacionalismo houbo causas alleas: bipolarización, clave española, eleccións case presidencialistas, chegada do espantallo da extrema direita, medios de comunicación ao servizo do sistema e fomento do voto útil. Mais seria un grande erro non considerar que tamén houbo causas propias .O nacionalismo, se cadra porque non lles quedou máis remedio, entrou nesta dinámica. Se a un/unha posíbel votante nacionalista tamén se lle mete o medo de que vén o espantallo da extrema direita, con moita probabilidade, optará por votar a Unidas Podemos ou o PSOE, xa que é seguro que como acadarían representación parlamentar, sumarían para evitar esta chegada da extrema direita.

Nos procesos eleitorais, como no resto da actividade política, o nacionalismo ten que situar no primeiro plano do debate a necesidade de que a nosa nación teña soberanía nacional, ou se quere, con outras palabras, teña competencias plenas para resolver todos os problemas que padecen as maiorías sociais. E ten que facelo de xeito pedagóxico. Ten que facelo amosando que a presenza do nacionalismo nas Cortes Xerais do estado non serve só para arrancar algunha tallada para Galiza nos Orzamentos xerais do Estado. Ten que servir, sobre todo, para demostrar que dos problemas que padecen as maiorías sociais da nosa nación en todos os índoles (industrial ,laboral, pesca, medioambiental, rural...) a solución acaída virá por que Galiza teña plena capacidade de decidir .Se nesta liga competitiva, o nacionalismo xoga coa mesma táctica que os outros seguro que mesmo será difícil acadar a permanencia .Todo isto dito cunha linguaxe de clase, ecoloxista, feminista, igualitaria... cuestión que por outra banda sempre foi a linguaxe, con máis ou menos graos, do nacionalismo .

Permítaseme pór un exemplo no eido no que me movo. Dous dos problemas importantes que teñen os montes veciñais son o non recoñocemento de titularidade veciñal e consideralos fiscalmente como simples empresas mercantís. Se algún día o Parlamento Galego tomase acordos para corrixir estas eivas, poderían efectivizarse? Non, porque estas competencias non residen en Galiza, senón que son competencias exclusivas do Estado.

Aínda que nos procesos eleitorais a confección da lista dos candidatos e candidatas non é o máis importante, non se pode negar que ten a súa relevancia. Non cabe dúbida que as cabeceiras das listas deben estar ocupadas por persoas de relevancia política do nacionalismo (BNG). Mais estas cabeceiras deberían ir arroupadas por persoas referentes dos diversos sectores da sociedade (operario, agrario, rural, medioambiental, cultural, muller...).E non pasa nada por recoñocer que ás veces as confeccións das listas eleitorais fanse con outros criterios .

“Petar na ailma do pobo ate conquerir un estado de opinión revolucionario” deixara escrito Castelao. "A paciencia tamen é revolucionaria” rezaba unha pancarta de unha edición da Festa do Avante en Portugal. Se cadra non son máis que palabras escritas. Mais se cadra son palabras que poden valer para reflexionar antes e despois dos procesos eleitorais.