Cúmprese o 16 de xullo o vixésimo aniversario desta Declaración e advirto un silencio total sobre este documento, con un contido de longo alcance e de ciclo intermedio, que, ao meu modesto entender, contribuíu a sedimentar de xeito soterrado, pero persistente o substrato do recente episodio da moción de censura contra o goberno de Mariano Raxoi. A Declaración de Barcelona foi asinada o 16 de xullo de 1998 pola desaparecida CiU, o PNV e o BNG, e posteriormente ampliada, ratificada e máis esmiuzada nos acordos selados en Vitoria-Gasteiz e en Santiago de Compostela nos meses subseguintes. No ano 2004 pasaría a chamarse Galeuscat,  unha tépeda e descafeinada denominación. Entraría logo nun proceso de esmorecemento paulatino para desmaiarse mansamente no mar insondable do esquecemento. Só esporadicamente a resucitabamos algúns nalgunha colaboración solta, aliñada dunha apaixonada nostalxia digna de mellor sorte, recordando sempre a obsesiva teima de Castelao, quen consideraba o Galeuzca como o mellor instrumento para acadar unha Confederación ibérica de nacións, voluntariamente unidas mediante pacto libre, reversible e en pé de igualdade das cinco nacións peninsulares: Euskal Herria, Galicia, Hespaña, Catalunya e Portugal. 

 

A Declaración de Barcelona foi asinada o 16 de xullo de 1998 pola desaparecida CiU, o PNV e o BNG, e posteriormente ampliada, ratificada e máis esmiuzada nos acordos selados en Vitoria-Gasteiz e en Santiago de Compostela nos meses subseguintes.

 

Os seus seus prolegómenos xeradores alicerzaron nunhas xornadas encol do Galeuzca histórico, celebradas en Bilbao, e no levantamento dun monumento a Castelao  no parque Europa de Txurdinaga, sufragado pola Deputación Foral de Biscaia, presidida por Josu Bergara. A partir desa data leváronse a cabo conversas discretas a cargo das secretarías das forzas integrantes, BNG, PNV e CIU, dirixidas respectivamente polos seus activos axentes, Francisco García Suárez, Ricardo Ansotegi Aranguren e Josep Camps, que culminaron na Declaración de Barcelona do 16 de xullo de 1998. Co gallo deste proceso estabelecín amizade cos dos primeiros, da que aínda gozo na actualidade. 

 

Esa Declaración, ademais de fundamentarse en antecedentes históricos como a Triple Alianza de 1923, o Galeuzca de 1933 e outros acordos galeuzcanos, articulados no exilio nos anos 1945-46, incluía e constataba, entre outros, algúns aspectos, que, malia o paso do tempo, manteñen rabiosa vixencia:

 

Ao cabo de vinte anos de democracia continúa sen resolverse a articulación do Estado español como plurinacional. Durante este período temos padecido unha falla de recoñecemento xurídico-político e incluso de asunción social e cultural das nosas respectivas realidades nacionais no ámbito del Estado. 

 

Este recoñecemento, ademais de xusto e democrático, resulta absolutamente necesario nunha Europa en proceso de articulación económica e política e que, ademais, apunta a medio prazo cara unha redistribución do poder político entre súas diversas instancias e niveis. Unha Europa cuxa unión debe basearse no respecto e na vertebración dos diversos pobos e culturas que abrangue. 

 

Tamén o é, nun mundo cada vez máis independente, sobre o cal pesa a ameaza da uniformización”. 

 

As formacións asinantes da Declaración, representadas por Xosé Manuel Beiras, do BNG, Xabier Arzalluz, do PNV, polo finado Pere Esteve, de CDC, e Domènec Sesmilo, de UDC, estas dúas forzas coligadas en CiU, na versión resumida, entregada á prensa, estabelecían interesante acordos, entre outros: 

 

Facer un chamamento á sociedade española para compartir e dialogar acerca dunha nova cultura política acorde con esa comprensión do Estado e promover unha concienciación colectiva que reforce a idea da súa plurinacionalidade. 

 

Ofrecer a Europa e ao mundo as nosas propostas en defensa da diversidade. Encabezar a política das identidades e da súa convivencia positiva e creativa. 

 

Organizar de maneira sistemática o intercambio de información, opinión e colaboración entre as xentes e sectores da cidadanía activos nos ámbitos intelectual, cultural, educativo, profesional e empresarial, co obxectivo de dialogar acerca das nosas propostas e difundilas.....

 

A conxuntura daquel verao de 1998 coincidiu con outros dous acontecementos, altamente esperanzadores no ámbito vasco e con evidentes consecuencias no estatal. O primeiro foi o pacto de Estella ou Lizarra, selado o 12 de setembro de 1998 por todo o espectro político e sindical nacionalista vasco, co fin de conseguir a paz e o compromiso de, nun proceso aberto, estudar os factores propiciadores do Acordo de Paz de Irlanda do Norte, sen esixir condiciones previas aos negociadores e solicitar a ETA a ausencia de violencia.  ETA respondía ao reclamo con unha declaración de tregua indefinida aos cinco días, o 17 de setembro. A tregua duraría até o 28 de novembro de 1999. Por mor de distintas causas e da incidencia interdependente de múltiples factores, aquela incipiente alborada tornouse nunha pertinaz sombra, adornada dunha sutil orballeira, “que non se sabe se baixa do ceo ou rube da terra”, como dicía o insigne Castelao.

 

Naquela ocasión, o 28 de setembro de 1998, Michel Unzueta, ex-senador peneuvista, publicaba nun xornal vasco un excelente artigo, cuxa relectura é recomendable, onde, entre outras evidentes realidades, consignaba:

 

Dentro del Estado, los ciudadanos se sienten de nacionalidad española e integrantes del Estado-nacional, pero en los territorios de Cataluña, Galicia o Euzkadi, aunque algunos comparten ese sentimiento, otros rechazan la pertenencia al Estado nacional y, por último, otros aceptan el Estado, pero se identifican sólo con su respectiva identidad nacional, rechazando o posponiendo la española. Ésta es la cuestión. Se respeta o no se respeta esta realidad. Hasta ahora no se ha respetado y todos sabemos lo que ha pasado. Si se desea respetarla en el futuro, el traje constitucional del Estado tendrá que modificarse. Para ello, la Declaración de Barcelona es una oportunidad inédita”.

 

Seguen plenamente vixentes as ideas da Declaración, pois creo honradamente que a solución á problemática territorial do Estado español pasa pola aceptación da súa plurinacionalidade e a aplicación do dereito a decidir, de xeito que puidera acadarse unha confederación ibérica de nacións, ligadas mediante pactos libres, voluntarios e reversibles en pé de igualdade, soño non alcanzado do grande Castelao.

 

Seguen plenamente vixentes as ideas da Declaración, pois creo honradamente que a solución á problemática territorial do Estado español pasa pola aceptación da súa plurinacionalidade

 

A fragmentada conformación actual do Congreso dos Deputados permitiría exercer unha influencia decisiva no taboleiro político, no xogo parlamentario e nas expectativas configurativas territoriais, dado que un bloque unido de forzas nacionalistas galeuzcanas sumarían 24 deputados, aos que puideran agregarse dous máis, os autoproclamados nacionalistas galegos de ANOVA, se non estiveran subsumidos baixo a disciplina podemita.

 

Do humus da Declaración do 98, alimentado por una continuada e teimuda gota malaia, emerxeu e espallouse a crecente necesidade de articular unha nova estruturación territorial do Estado español, que teña en conta a existencia das tres realidades nacionais periféricas: Catalunya, Euskal Herria e Galicia. A esta última algúns omítena, en virtude do seu escaso eco no galiñeiro parlamentario español e o silencio cómplice de quen debera defender os seus dereitos en e dende Galiza; pero cumpre as condiciones que definen unha identidade nacional, quéirase ou non. A sensibilidade plurinacional tomou carta de natureza e hoxe forma parte do menú político cotián, aínda que so sexa para discutila, rebatela, denigrala, negala ou afirmala. 

 

Como se explica que no Congreso dos Deputados a finais da decáda dos 90 eran inexistentes os deputados de obediencia centralista con algunha afectividade plurinacional, semellando uns “rari navegantes in gurgite vasto”, como diría o poeta Virxilio, e hoxe case cheguen a non desprezable cifra de 70, malia que o asintan coa boca pequena? O que comezou como una xeremíaca voz clamando no deserto e foi deostado a destra e sinistra, especialmente polo daquela ministro de Administracións Públicas, Mariano Raxoi Brei, é obxecto de estudo nas facultades de Ciencia Política e Socioloxía, pretexto para acesos debates nos parladoiros dos máis heteroxéneos pelaxes e escusa para acedas diatribas non só entre cidadáns da periferia, senón, sobre todo, no ermo da meseta, cuxa secura é proclive a toldar o raciocinio. Incluso, o aroma da plurinacionalidade ibérica transcendeu aos escenarios europeos a raíz do procés catalán. Aos prohomes que dirixen os destinos da pel de touro, máis tarde ou máis cedo, no lles quedará outro remedio que recoñecer a diversidade nacional ibérica como signo de riqueza, pois só a uniformidade empobrece. A beleza da polifonía dun coro só se logra mediante a harmonía de distintas voces e a fermosura  dun mosaico  conséguea o ensamblamento axeitado das diferentes teselas. 

 

Os historiadores observamos que os designios da historia son inescrutables. Unhas veces ocúltase timidamente baixo un velo de novata, outras circula inexorable a paso de boi lento e nalgunhas raras ocasións precipítase cal torrente violento de treboada a xeito de rebeldía, motín, revolta ou revolución. Pero a deusa Clío, patroa da historia, acostuma a premiar as sementeiras abonadas, aínda que  a colleita sexa parca e a longo prazo. Para as utopías nunca se chega a deshora (Ramón Villares dixit) e delas sempre fica algunha faísca acesa. Hai que loitar polo imposible para alcanzar o posible, como dicía Manuel María. A conxuntura non pode ser máis axeitada para o rexurdimento dun Galeuzca, amplo e unitario, aínda que, por mágoa, non haxa no Congreso dos deputados un grupo nacionalista galego soberano como tal, ceibe de obediencias alleas. 

 

 



x