Coido que non hai un cualificativo que poida dimensionar a persoa e a obra de Alfonso Blanco Torrado. O seu dinamismo poliédrico ofrece un dos escenarios mais activos para percorrer ese longo e tortuoso camiño iniciático e ser imitadores del no concurso da lealdade ao Nazareno e a Galiza. Convén contextualizalo nestes dous elementos que compendian a súa fe e o seu patriotismo, nada dispersos no seu pensamento e na súa acción. O servizo a Xesús e ao pobo galego ten en Alfonso Blanco Torrado unha contundencia difícil de imitar, pero si para reflexionar sobre os dous parangóns polos que transcende a súa vida. Coido que o seu comportamento como sacerdote ben podían imitalos cregos e xerarcas da Igrexa, nese formato vital do que emana o seu existencialismo: medida e verificación dunha conducta íntegra, e que está moi lonxe de ser un funcionario típico deses cregos nugalláns, de nariz vermella e bandullo desbordado, aferrados aos deleites mundanos que emporcan a conducta cristián e negan o que dixo Xesús Cristo: “O meu reino non é deste mundo”.

Alfonso é un crego atípico, motivado pola súa fe e pola esperanza conciliar, que ten a súa misión ben definida de estar na prédica de Xesús. El nunca foi un axente do catolicismo oficioso e xerarquizado, como si pertencera a un gremio de cregos, onde o Evanxeo está ausente, predominando o ritualismo. A testemuña de Alfonso ten a súa base na exemplaridade do Mestre de Nazaret. A este crego bástanlle as Benaventuranzas ben explícitas nos Evanxeos de Mateo, capítulo 5, e de Lucas capítulo 6. A exemplaridade do sacerdote honesto ten a súa relevancia neste formato de conduta con Deus e cos seres humanos. Maticemos: para Alfonso teñen suprema importancia solidaria os seres marxinados, explotados polos ricos imitadores de Epulón, que rouban a plusvalía dos condenados á miseria; aos marxinados e sometidos pola drogadicción que enriquece a mafias organizadas. Alfonso Blanco Torrado está aí, remando a contracorrente, estando cos pobres e marxinados, onde restitúe as palabras de Xesús en defensa dos mesmos. Os fusilados que defenderon a liberdade e o goberno constitucional da republica durante a guerra civil. Cando se inaugurou o monólito dedicado a Camilo Díaz Baliño, onde apareceu o seu corpo nunha cuneta da estrada, en Meixide (Palas de Rei), a intervención de Alfonso foi moi valente, evanxélica e nada reducionista. Pediu perdón polo colaboracionismo daquela igrexa confabulada co franquismo que permitiu milleiros de asasinatos. Na xerarquía católica española, a de onte e a de hoxe, pesa a inhibición de negarse a pedir perdón ou manifestar o erro cometido de estar ao lado do fascismo na guerra civil. Un simple crego de a pé alzou a voz, naquel encontro inaugural, pedindo perdón dunha maneira sorprendente, vibrante e sentida. A decencia do humanista Blanco Torrado é impagábel para o noso país.

Está moi lonxe de ser un funcionario típico deses cregos nugalláns, de nariz vermella e bandullo desbordado

Teño estado nas misas de Alfonso, nas súas parroquias e outras, solícito coa palabra solidaria e de esperanza que el emite e provoca a súa contundencia evanxélica. Téñome preguntado: que fai aquí este ateo convencido, como son eu? E chegar á conclusión: O Evanxeo é liberador e a exposición do mesmo na boca e na actitude de Alfonso faise aínda mais liberador. Por tanto, sobran as palabrarías doutrinais, ritos, interpretacións e tantos silencios e medos que a Igrexa oficialista emite e impón. Alfonso continúa buscando a verdade, e nese percorrido constata a solemne e inaudita pregunta que fixo Poncio Pilato a Xesús: “Que é a verdade?” Insólito, para un todopoderoso gobernador romano en Xudá, dado que a verdade absoluta residía nos magnates e centurións do imperio. Reconstruír a verdade e emancipala, admitindo as verdades de cada quen, aí atopamos este crego de varias parroquias de Gutiriz.

Emociona o traballo de Alfonso Blanco Torrado, a dúas bandas, persistindo na exemplaridade evanxélica e na defensa da lingua e da cultura desta Galiza colonizada. A lingua galega é o fundamento da súa prédica e, tamén, normalizada e espallada desde diversos espazos asociativos como son “Xermolos”, “Irmandade Manuel María”, o “Museo Parroquial de Bascuas”, a “Asociación Cultural de Guitiriz”, o “Centro Cultural Xosé María Díaz Castro” e a Festa de Pardiñas que reúne miles de persoas. Múltiples publicacións populares a prezo de sal. Todo isto é o inventario e o currículo preciso de Alfonso Blanco Torrado. En todas estas manifestacións populares tivo non menores problemas co bispo de Mondoñedo, José Gea Escolano, de triste memoria, e doutros acólitos de servidume e presebe do prelado. Alfonso constitúe un dos exemplos mais limpos que podemos encontrar dun eclesiástico honesto e sen sotana. Por este motivo estaremos ao seu redor en Guitiriz, o sábado día 24 en que será homenaxeado e recoñecido o seu labor, como fillo adoptivo de Guitiriz.



x