Na Cataluña actual existen varios síndromes, no que respecta a localizadas furias e contencións, no contexto dunha dialéctica bastante entendíbel polos que vivimos en Barcelona, dentro deste enorme escenario con actores de cruzada medieval. Desde fora non se aprecia a esa ampla sociedade plural que existe e que representa a Cataluña vital das liberdades individuais e colectivas. Cando algo non é entendíbel desde a pluralidade, as desconexións coa realidade fai estragos, porque esta sérvese por medios de información interesada e mediática, capaz de alterar a orde dos ingredientes políticos que se cociñan actualmente en Cataluña e Madrid. Actualmente sobran anécdotas maliciosas e faltan contidos para argumentar os procesos históricos que se concretaron en varias belixerancias desde a invasión de Cataluña de 1714 até as conmocións actuais. Neste sentido, non podemos renunciar á data e menos ao inventario no que se narra e contabiliza a espesa sombra que se cerne sobre “o ser e o estar” de Cataluña. 

Na oda do poeta Joan Maragall Escolta Espanya (1898), simplifícase unha chamada a realidade daquela España mal abeirada e pouco asumida ante a derrota e perda de Cuba, Filipinas e Porto Rico. O imposíbel para os políticos nacionalistas españois acabou nunha rendición sen condicións. A pesar dos asasinatos de José Martí en Cuba, de José Rizal en Filipinas e da persecución, con azos de morte, de Ramón Emeterio Betances en Porto Rico. Pese aos asasinatos e persecucións destes próceres, a liberdade e a independencia destes países foi irreversíbel. Cataluña tamén ten os seus mortos por asasinato político, un de excepción: Lluís Companys, presidente da Generalitat de Cataluña. Matar para escarmentar é un mal vicio e un mal uso que funcionou a costas de negar e distanciar o diálogo. O diálogo no ADN dos políticos españois —dos de antes e dos de agora— é algo repulsivo e catastrófico, por non deixar de mirar o seu propio e sucio embigo.

O imposíbel para os políticos nacionalistas españois acabou nunha rendición sen condicións

 

O posíbel diálogo que abre esta quinta feira o presidente do goberno, Pedro Sánchez, celebrando un Consello de Ministros na Llotja de Mar en Barcelona, non deixa de ser alentador; aínda que teña un perfil estético, pode e debe abrir as portas á certeza e á esperanza dun diálogo de mínimos, gardando as formas ante a sedutora antipatía que teñen ambas partes. Supoñemos que a misión deste Consello de Ministros, no que se percebe de Pedro Sánchez, está argumentada na posición de retomar o diálogo, entre o Estado español e Cataluña -ausente na era Rajoy-. Isto pode facilitar a abertura dunha vía de confianza que sexa capaz de esclarecer moitos puntos necesarios que agora están no embrollo da confusión política de varios axentes intervintes e intervidos da política estatal. A presenza do Consello de Ministros en Barcelona pode que teña unha interesante referencia en favor da aprobación dos presupostos do goberno socialista, que sen o apoio do nacionalismo catalán adiantaría as eleccións. Mais os nacionalistas tamén saben que, gobernando a dereita, a curto prazo e en situación límite, a aplicación do 155 podía reinvestir os riscos e incapacitar as accións dos movementos cos que conta actualmente o nacionalismo catalán. Por tanto, na supervivencia en que están nacionalistas e socialistas, cada un deles en recónditos extremos de observación e vixilancia, pode que se concrete na Llotja de Mar e no Palau de la Generalitat algo novo, que teña consecuencias positivas no arranxo da situación actual de Cataluña, e capacidade de rebaixar actitudes belixerantes de implicación espontánea. Estamos ante un problema de frecuencias inestábeis que poucos intentan diminuír. Os que intentan saír do labirinto esquecen que se atoparán, ao final da ruta conseguida, co crebacabezas que terán que recompor con paciencia e humildade, nunha situación de alzada crítica.

A confrontación partidaria dáse entre dous nacionalismos, o autóctono de Cataluña, abandeirado pola burguesía dos antigos converxentes e por Esquerra Republicana, con teses diferentes en seus percorridos de conxunto, e o nacionalismo español con residencia en Cataluña e disfrazado de constitucionalista, representado por un estrangulado PP, que conta con catro deputados no Parlament de Cataluña; polo PPdeC fala desde Madrid a voz intransixente de Pablo Casado, cuxo recorrido e petición é a imposición do 155, reiteradamente, creando confusión en varios ámbitos, emitindo mensaxes agresivas en dirección única. No caso do outro nacionalismo estatalista de Ciutadans hai unha autodisposición provocativa, baseada na prepotencia de ampliar o conflito a espazos onde non existe, dunha maneira verbal e cun formato de enfrontamento, como se manifestou en accións como o descolgue e ruptura de lazos amarelos e outras actitudes contra os presos políticos e exiliados. Digo ben: presos políticos!, e non políticos presos. O que faltaba, transgresión semántica para enmascarar a linguaxe e confundir. 

A confrontación partidaria dáse entre dous nacionalismos, o autóctono e o nacionalismo español con residencia en Cataluña e disfrazado de constitucionalista

 

Realmente non se deben defender dereitos democráticos e liberdades colectivas con pasamontañas, como manifestou desde o cárcere Oriol Junqueras. Neste caso, non intenta relativizar o conflito, senón apostar por unha cohesión que poda abrir canles de entendemento, que veñen dadas por un político pragmático que non esaxera os contidos e intenta superar a fraxilidade desa linguaxe infantil, tan usual nesta confrontación. Junqueras debía ser o interlocutor do nacionalismo catalán con Pedro Sánchez. Dúas voces necesarias para desafiar a hecatombe que producen os dicires, os xestos e as disidencias de Quim Torra.

Os que seguimos sendo disidentes do pujolismo notamos a faltar o peso político e a congruencia que Jordi Pujol utilizou en asuntos de gobernabilidade e temas de Estado. Nótase a falta de tacto e acervo que Pujol  puxo efectivos na coexistencia política de Cataluña. Cando hai políticos de segunda ou de terceira que desfiguran a realidade do país e amplían a dispersión de políticas por horizontes indebidos, un non deixa de lembrar o perfil de certas coherencias que se deron con Pujol. Mais tarde, Carles Puigdemont chegou á presidencia da Generalitat da mao de Artur Mas, cando a CUP fosilizou a reelección de Mas no Parlament. Puigdemont non consentiu ser o monicreque dun Mas dirixíndoo desde a sombra os seus movementos, e marcou a súa propia traxectoria que, no fondo da cuestión, viña marcada pola de Mas. O caso de Quim Torra é moi especial, como político era un deputado moi descoñecido para as grandes masas. Cun carácter mais místico que político que teceu ideas e configurou o seu propio rumbo de tomar o Everest por asalto. Os seus artigos de antano esclarecen bastante ben un certo infantilismo primario e mesiánico. Con todas estas particularidades de contraste da súa personalidade chegou a honorable President, despois de que as circunstancias xudiciais vetasen a elección de Jordi Sánchez e de Jordi Turull. Puigdemont acertou na escolla idónea dun home singular, obediente e fiel acólito, para executar os seus plans dirixidos desde Waterloo. Quim Torra é un home fascinado por un certo mesianismo esotérico co que ten que salvarse Cataluña. Mais non é un desequilibrado, como vocifera Pablo Casado, cualificativo que descualifica a quen o di. 

Junqueras debía ser o interlocutor do nacionalismo catalán con Pedro Sánchez

 

Cataluña precisa comprensión, desde dentro e desde fora. Negala, dunha maneira simplista, é como romperlle o espello histórico e cultural no que se mira. A negación do diferente sempre será un acto inicial de admisión xenocida. Nese todo vale, no insulto depredador contra Cataluña, venme á memoria o seguinte texto de Saulo de Tarso: “Todo me é lícito, mais non todo me convén; todo me é lícito mais non todo edifica. Ningún busque o seu propio ben, respecte tamén o do outro”. Pese a todo, Cataluña “Eppur si muove”.