Coido que o votante galego entendeu que o non ter voz propia no Congreso de Deputados en Madrid, por parte do BNG, era unha necesidade para uns, e para outros unha anomalía que había que corrixir. Mais o tema central é que a seriedade de conectar coa xente e marcar os problemas que ten Galiza para cambialos e solucionar problemas de todo tipo, no que respecta á nosa cuestión nacional e outros temas de ámbito social e económico que padece un amplo extracto de persoas que rozan coa solemnidade da pobreza e da marxinación. Nesta dirección, a mensaxe do Bloque callou e, sobre todo, o traballo realizado con seriedade e pragmatismo, sumou adherencias de moitos dos que tiñan renunciado a certos temas que postulaba o nacionalismo e a contratempos que parecen superados. O Bloque liderado por Ana Pontón e o bo equipo de deputadas e deputados no Parlamento Galego, coa cohesión dunha política coherente e de achegamento ás persoas fixo posíbel recuperar a voz necesaria e puntual de Néstor Rego no Congreso de Deputados, xusto nun intre en que a correlación de forzas a nivel do Estado e de Galiza ten mudado e modificado certos roles no posicionamento do BNG que, sen dúbida, remata de colleitar un deputado, ademais de non deixar pasar aos indebidos da dereita.

Ter representación parlamentaria en Madrid, equivale a recuperar o relato presencial dunha forza política que expón con voz propia ese amplo ventallo de numerosas problemáticas que atenazan a Galiza. Desde 2015 até a actualidade estivemos en suspenso, sen unha visibilidade de voz alzada que desde 1996 ate 2008 mantivo Francisco Rodríguez en tres lexislaturas, con dous parlamentarios, conseguindo tres deputados no 2000. A voz nacionalista do Bloque estivo moi presente e activada, dunha maneira moi elocuente nas exposicións que Rodríguez foi escudriñando, naquela lexislatura de maioría absoluta aznarista, dunha maneira desafiante ante as políticas avasaladoras aplicadas polo PP na Galiza. Con el estaba Guillerme Vázquez (1996-2003).

As dúas lexislaturas de Francisco Jorcuera, deputado pola Coruña e ilustre historiador e magnífico orador, debullador pragmático nun tempo de crise de recesión, soubo expoñer as graves repercusións polas que estaba pasando a sociedade galega, convalecente de tantas marxinacións vindas de políticas únicas e estatalistas, desprezadoras da realidade galega. Jorcuera foi un deputado que dignificou a Galiza como portavoz do Bloque en diversas comisións parlamentarias. Con el estaba a deputada por Pontevedra, Olaia Fernández Dávila (2004-2015), dúas expoñentes voces clarificando o contexto nacional e social galego. Sobre este espazo de tempo dos nosos parlamentarios en Madrid, compre remitirnos ao Diario de Sesións do Congreso de Deputados, para conformar ese memorando de actividades que os representantes do BNG consagraron seus mellores momentos en defensa da nosa identidade nacional.

O parlamentarismo nacionalista galego en Madrid, foi sempre combativo e defensivo por parte de deputados que expuxeron contundentes verdades contra o espolio do idioma, da cultura e da economía. Corenta anos de ditadura non bastaron para que o discurso dos parlamentarios nacionalistas do Bloque esqueceran as emerxencias que os deputados do Partido Galeguista no Parlamento da II República: Castelao, Otero Pedrayo, Suárez Picallo e Villar Ponte abriran esa enorme fenda de dignidade, que continúa vixente no discurso dos citados deputados do BNG no Parlamento de Madrid. Velaí a vibrante achega de Castelao ao “Proxecto de Constitución” (18-9-1931), sobre o “Estatuto Galego” (18-12-1931), “Protección e defensa da pequena propiedade rural” (26-2-1932). As dúas intervencións de Ramón Otero Pedrayo sobre o proxecto constitucional (18-9-1932), coa ollada posta na Galiza, conforma o despregue intelectual de Otero, en temas tan sensíbeis como era a “Reforma Agraria na Galiza” (29-6-1932), “Problemas vinícolas e viarios en Ourense” (2-11-1932). Mais a voz potente e abrouxadora contra o centralismo potenciado polos políticos españolistas, foi a de Ramón Suárez Picallo, aquel emigrante de Sada que marchou moi novo para Arxentina, que conforma unha ideoloxía de esquerda. Foi un dos grandes parlamentarios no escenario combativo parlamentario, lembrado pola prensa madrileña como un dos grandes oradores naquel hemiciclo. Mágoa que Súarez Picallo non sexa lembrado nun grande memorando, como un dos mais eficientes defensores da Galiza, contribuíndo no Parlamento español a esclarecer aquela Galiza do retraso social, económico e cultural, depredada á medida intolerábel do centralismo. Picallo foi un grande político emerxente que expuxo temas como “A industria conserveira na Galiza” (7-1-1932), “Construción de Portos de Refuxio” (12-1-1932), “Reforma agraria” (18-5-1932), “Presupostos para 1933” unha ampla exposición sobre as necesidades presupostarias da Galiza (29-11-1932), “Abolición dos foros de orixe español” (24-2-1933). Mais onde vemos o potencial insurxente e dialéctico de Suárez Picallo e na disertación de seus longos discursos expostos o 24 e 25 de maio de 1933, na que participan os catro deputados do Partido Galeguista, en dúas sesións na que se relataron un sen fin de temas, baixo a denominación: “Problemas de Galiza”. Picallo expuxo temas económicos e socias, estes discursos son de elevado interese para verificar a grandeza daqueles catro deputados e a visión que tiñan da Galiza. Por último, Antonio Villar Ponte, foi un deputado que interveu moi pouco, mais moi conciso, “sobre a Academia Galega” (14-1-1932), “Partidas arancelarias e abonos químicos” (18-5-1932), “Pontes do Pasaxe e do Pedrido” (24-2-1933) e por suposto no tema: “Problemas de Galiza” (25-5-1933), remata o seu vibrante discurso cos seguintes versos de Rosalía:

“¡Pobre Galicia! Non debes

chamarte nunca española,

que España de ti se olvida”.

Por tanto o deputado de estrea, Nestor Rego, do Bloque Nacionalista Galego vai sustentarse e ampliar ese longo legado de deputados que ocuparon escano na capital do centralismo, que defenderon e dignificaron todo aquelo que nos personifica na identidade dunha nación. Rego é un político que coñece puntualmente as múltiples problemáticas da nosa Terra. Un home de cohesión e de longos percorridos, que recolle a testemuña daqueles que ergueron a voz e espallaron ecos de liberdade.