O fol da dereita pinchou. O número de participantes na manifestación na praza Colón de Madrid nega as expectativas tan adornadas de alardes, ambicións e inquietantes verborreas dunha dereita hipocritamente unida que non chegou a conquerir as apetecidas cifras de convocatoria de duascentas mil persoas. Con buses gratuítos e fretados de todo o Estado español. Todo quedou en corenta e cinco mil persoas, digamos cincuenta mil, como apuntan todos os que coñecen o deseño e o enchido desa praza con certas rúas que a circundan. A lectura que podemos sacar deste xuntoiro e simples e mesmo entendíbel. Se sacamos conclusións podemos detectar o estado da sociedade civil fronte a esa precariedade política procedente da trinitaria dereita que intenta reinventar o seu patrimonio político, outrora omnímodo, e actualmente sumido en desfeita. O transo non é minúsculo co que ten acontecido. O xogo de cifras cos que os convocantes contaban non deixa de ser irrisorio, con relación as grandes manifestacións que no Estado español teñen pasado do millón de persoas. En Madrid chegouse a esta cifra despois do intento de golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 e co ataque terrorista do 11 de marzo de 2004. En Barcelona temos algunhas que superaron o millón de persoas, a do 11 de setembro de 1976, en Sant Boi de Llobregal, baixo a consigna: “Llibertat, amnistía, estatut de autonomía”. A do rechozo do 23F. A do asasinato de Ernest Lluch, o 24 de novembro de 2000. Contra a invasión do Iraq, o 15 de febreiro de 2003. Contra a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut d’Autonomia, coa consigna: “Som una nació”. A convocatoria feminista do 8 de marzo de 2018 superou as oitocentas mil persoas ao longo do passeig de Gràcia e a Gran Via barcelonesa.

As manifestacións citadas si que foron colectivamente populares que excederon a consignas partidarias como sucedeu nesta última manifestación en Madrid. Tres organizacións de dereitas cun aproveitado vencello ideolóxico que lles procura convivencia e demagoxia, retratando a súa reciprocidade sen fisuras, como ben manifesta o pacto a tres por facerse co goberno de Andalucía. A utilidade de conxunto promovendo accións contra o goberno actual. Unha confraternización sen ambigüidades, utilizando cualificativos que desbordan o máis mínimo da prudencia e desbota o que todos entendemos por unha ética razoábel en política. O contencioso verbal que ten aberto a dereita elevando a voz e disparar excesos verbais dunha maneira cruel e mentireira contra o presidente do goberno, por parte de Pablo Casado, di moito sobre este posuído aspirante a desgobernarnos.

Casado é unha vil miniatura política que non ten parangón na canallada verborrea verbal. O insulto e a mentira son o distintivo que privilexia confrontación e desasosego, e que a dereita ten como lema e referencia con certa linguaxe que utilizou a ditadura, de triste memoria. Nun país con recia cultura democrática este tipo de kamikazes sería unha inconveniencia lesiva para a convivencia pública e, tamén, para repudialo.

O formato conspirativo e as formas de actuación constatan a luxuria patriótica joseantoniana

 

O que máis interesa desa manifestación é esa foto inaudita, rexistrada e codificada como imaxe histórica, de ver xuntos os tres gladiadores da dereita. Por moito que persistan en que hai diferenzas, tanto na estética como no discurso os tres son homologábeis. O formato conspirativo e as formas de actuación constatan a luxuria patriótica joseantoniana, proclamando a España como “unidad de destino en lo universal”. Mais quen sacou rédito desa foto foi o líder de Vox, os dous acólitos de cerimonia non se decataron da xugada protagonista do máis extremo.

Volvendo ao tema numérico da manifestación, ao non acaparar o vulto necesario que tiñan postulado os organizadores, tal rebaixa de cifras manifesta un síntoma que ten que preocupar aos iniciados Casado e Rivera, que as vantaxes as acreditou a extrema dereita, dunha maneira de avanzádela, para os cincuenta mil oficiantes do aquelarre que estaban na praza Colón, pontificando contra Sánchez, o chamándolle “ocupa”. Pouca gloria para conmemorar a devastadora convocatoria. Parece que a sociedade está tomando nota da mentira e da infamia que se divulga por parte da dereita, que cando abre a boca, o balbucir é tenebroso nesas sentenzas apocalípticas que seus ecos expande.

A manifestación de Compostela deu protagonismo á palabra reivindicativa sobre o dereito á saúde publica

 

Se de corenta e oito millóns de españois, que din as estatísticas, a manifestación non excedeu de cincuenta mil, comparado coa poboación galega que non chega aos tres millóns de persoas, os organizadores da manifestación contra o deterioro e a parálise sanitaria en Galiza, conseguiu encher a enorme praza da Quintana de Compostela, con non poucos miles de participantes. Iso revela que as persoas están por arranxar e por defender conquistas que a Xunta de Galicia, en convivencia coas estrataxemas do PP, intenta liquidar, un ben público en favor da privatización sanitaria. A carencia de medios e de persoal sanitario, co desmantelamento de hospitais e a falta de pediatras e outras especialidades en vilas que teñen unha poboación superior a cinco mil habitantes, do noso rural, están completamente desatendidas. Comparemos o sentido dunha manifestación que procura un público disidente contra un presidente do goberno lexítimo, da maneira mais hostil e truculenta. A manifestación de Compostela deu protagonismo á palabra reivindicativa sobre o dereito á saúde publica. Meditemos na veleidade de uns e no pragmatismo dos outros.