Os galegos en xeral descoñecemos bastante cada un dos contextos culturais e artísticos lusófonos, cuxo vehículo de comunicación é a lingua orixinal galaico-portuguesa. Por tanto temos unha Matria ou Patria común na lingua que ignoramos ou non recoñecemos. Desde a Galiza, non moitos concordan coa famosa frase de Fernando Pessoa: “Minha pátria é a língua portuguesa”. Mais con anterioridade a Pessoa, António Ferreira tiña resumido o concepto de Patria, erixíndoa na lingua orixinal de varios países en patria única: “A língua é alma involvente / Da Pátria de todos nós”. Entón a lingua envólvenos, no caso da lusofonía. Por tanto, concirne a varias nacións que falan a mesma lingua, pese a xiros e diversos formatos fonéticos, de recoñecernos activamente. Por iso que galegos e portugueses, brasileiros, angolanos, caboverdianos, guineanos, mozambicanos, sãotomenses, goanos, macaenses, malaquenses e timorenses, conformamos unha patria común na lingua, mesma a que naceu no territorio comunal de alén e aquén Miño.

A Lusofonía conforma a estabilidade dun bloque lingüístico que para nós, os galegos, debemos ter conciencia e amparo do mesmo, onde a nosa fala está presente e, non sempre temos o atino de preservala dentro do contexto que nos confina como promotores da mesma. Así o manifesta ese grande monumento erixido polos trabadores galaico-portugueses, como é o grande Cancioneiro medieval, tan fecundo e emotivo en tantos poetas do Brasil e dos países africanos de lingua portuguesa. É admirábel o punto de partida do noso idioma como é percibido a súa orixinalidade na diversidade dos pobos colonizados por Portugal. Desde o Brasil até Timor hai conciencia da comunidade lusófona, na que a lingua convértese na patria común que António Ferreira e Fernando Pessoa definiron esplendidamente esta cuestión.

Cando un viaxa por estes países, xurde a pregunta que neste artigo sérvenos de título. Neste sentido non nos podemos conformar co que se ten conquistado para recoñecernos como cidadáns da lingua, expresada nun amplo ventallo no que nós os galegos estamos, tantas veces, sen o apelo necesario de reivindicarnos e de afondar en cada unha das culturas e etnias suxeitas á lingua común. Todas esas comunidades citadas saben de nós. Que é o que nós sabemos delas? Pouca cousa no que en realidade expresamos. O noso eclipse permítenos descoñecer estes países dunha maneira contundente e pesaroso, que atinxe ignorarnos a nos mesmos. Evidentemente, na realidade lingüística -como en tantas outras cousas- somos unha nación colonizada, e todo bo colonizador trata de descolocarnos do idioma nativo para que floreza o que se impón. A pesar de que os galegos somos colonizados, non somos idiotas para non poder discernir constantes vulneracións que se cometen co maior atributo da nosa individualidade identitaria como é a nosa fala.

O problema actual que temos os galegos que reivindicamos a Lusofonía, como partícipes dela e confederarnos na mesma, amplía os problemas de comunicación, debido a intereses políticos do propio goberno español, de protexer o seu status quo sobre Galiza e de illarse de calquera contencioso que poida ter co contexto lusófono. Por outra banda, hai algúns gobernos dos países citados que o tema político e lingüístico da Galiza tratan de pospoñelo por comenencias comerciais contraídas co Estado español. Mais hai unha elite, nestes países, que non podemos ignorar nin perdela de vista, que si é a que promove un exhaustivo interese pola lingua e pola literatura galega. En diversas facultades de filoloxía, maioritariamente nas universidades do Brasil, contemplamos certeiros avances de coñecemento e de traballos que se fan sobre autores galegos, e en todo aquilo que expresa a nosa literatura. Por certo, isto suma a que a nosa loita, por integrarnos de pleno dereito aos países de lingua galaico-portuguesa, é unha tarefa complicada pero non perdida, pese ao silencio administrativo e as constantes contradicións que estamos presenciando. E por ver, vemos esa serie televisiva en portugués que emite a tvg tódalas noites e que un renuncia a vela, cando falan en portugués e poñen subtítulos en galego. Unha maneira de laminar o idioma que nos é común e que percibimos sen complicación algunha. Mais aquí está presente a política de desintegración e, sobre todo, de intoxicación: a imperativa demagoxia que non cesa. E neste carro van subidos certos persoeiros que aceptan traducir seus libros do galego ao portugués. Pero tamén un feito constatado por certos editores portugueses que encomendan esta contraditoria idea.

Claro que os galegos precisamos de coñecer os diversos contextos da Lusofonía, para non declinar do obxectivo de integración da lingua e ter un apousento recoñecido en diversos países lusófonos. Por iso, a proposta e a acción dos reintegracionistas galegos, en postular un rumbo diferente ao que se vén facendo desde algunha das administracións autonómicas e estatais, suxire un enorme respecto por normalizar o galego e procurar no tronco común o verdadeiro zume do destino que nos fará crecer na esperanza de recobrar país e integración lusófona.