O inservíbel espectáculo electoral entra no canón dos abruptos verbais dunha maneira violenta. E toda violencia, aínda que sexa de carácter verbal, deixa marcas non só en quen as di senón en quen as escoita, infundindo a terxiversación da realidade de moitas maneiras e modelos de confundir ao electorado. Con corenta anos de democracia á española. O persoal non é demasiado ávido en endereitar o camiño dos desacatos democráticos, e continúa prostrado nas mentiras e na verborrea aniquiladora de certos actores políticos que contaminan todo aquilo que se debe esclarecer nunha campaña. É verdade que as campañas electorais teñen mudado, non de insulto adobado de mentiras que tantas veces o elector pouco informado e de idea única quere oír. Isto sería a superficie do iceberg, mais o xigantesco volume que está somerxido e o que sostén a parte visíbel, onde reside a parte operativa do que se fragua no silencio mais sombrío.

Sirva esta metáfora para esclarecer un novo orde da exposición da mentira por medios de difusión mediatizados polo operativo que controla e difunde Steve Bannon. A pretensión e a efectividade pola toma do poder por medio dun discurso moi conciso e moi directo polas redes, polas que navegamos e das que adquiren consistentes datos emerxentes do que somos, pensamos e facemos, co fin de inducirnos cara seus propósitos. O asalto ao poder de Donald Trump e de Bolsonaro, non nos pode deixar indiferentes ante un xigantesco dominio de medios, capaces de eludir a verdade social dun país e lograr que triunfe a mentira. Esa mentira custodiada por mensaxes pertinentes que disfrazan a verdadeira situación económica e social dun determinado país. Por tanto, xa non vale a propaganda do panfleto electoral, nin do cartel, nin das pintadas. A mudanza é visíbel nun amplo espazo en expansión. Por tanto, o discurso non desmerece a atención dos politólogos e de rigorosos analista que dan suficientes sinais das perversidades que Bannon e seus axentes modifican a dereita levándoa aos extremos mais perversos.

A presenza de Vox na política española esclarece determinadas cuestións neses partidos da dereita, que utilizaban o eufemismo de centro ou liberal, para ocultar a verdadeira faciana da dereita mais cruel, con rancios postulados do franquismo. Mais, coa aparición da extrema dereita, o PP, Ciudadanos e outros, sacaron o seu disfrace para non colisionar cos que coinciden en non poucos intereses e puntos de partida e de chegada, aínda que a traxectoria sexa diferente. Sacado o disfrace, a linguaxe de desprezo, insulto, mentiras e anatemas contra a esquerda e contra aos que defenden unha democracia plural e sen intervención mediática, desfilan na mesma dirección, medida e equilibrio, ao compás da extrema dereita. O problema de todo ese desafío, con que están explorando temas non superados pola sociedade, e de concretos posicionamentos fronte aos nacionalismos periféricos, advertindo que eles son os conxurados e destrutores da convivencia e da sempre manipulada “patria común”. Este discurso tan actualizado nesta etapa electoral e non só, é unha das fórmulas de evitar o verdadeiro debate solidario cos que carecen dun mínimo benestar social, dunha vivenda e dun traballo que dignifique ás persoas marxinadas, para garantir os dereitos humanos capaces de suplantar a fraxilidade existencial millóns de asalariados. Os partidos da dereita non falan de solucións nin dos dramas que esclarecen a desigualdade, soamente avivan intrigas interesadas para continuar aprazando ese debate sobre problemas moi serios e desatendidos, como son os de carácter económico, social e laboral.

Ser submiso á mentira electoral ten graves consecuencias para os que a aceptan sen verificar os contextos sociais dos que falan certos políticos dunha maneira terxiversada. Neste sentido, vemos tantas frontes de alienación que manteñen ese fraude antidemocrático, xa non por medio de inexactitudes senón de colarnos mentiras. O tema electoral español con catro eleccións previstas no período do 28 de abril ao 26 de maio: xerais, europeas, autonómicas e municipais, dan moito de si para un análise sociolóxico sobre as técnicas e as aventuras dos contendentes, sobre a miseria que se exhibe nese grotesco espectáculo dos insultos mais paranoicos dos que nos ten acostumado a dereita mais aceda. Mais non todos os contendentes políticos están posicionados na verborrea e no exabrupto. Na Galiza vemos un BNG exemplar, ocupando un amplo espazo onde os problemas concretos e de longa permanencia continúan, posicionándose neles coa denuncia e coa acción que lexitima aos nacionalistas un avante, por manter unha posición nos problemas concretos, mentres outros non os tratan ou o fan con ambigüidade. Menciono ao BNG porque nos serve de modelo, ao pór énfase na súa achega ás capas sociais mais desfavorecidas, dunha maneira pragmática, na cohesión de facer país. Unha implicación nada reducionista que consolida un proceso innovador, nun país devastado polos que o maltratan e polos que o silencian dunha maneira tráxica. No panorama de actualidade electoral, as propostas do Bloque -lonxe das barulleiras e do personalismo doutras opcións políticas- dan confianza e autoestima para rescatar os valores de permanencia, no social e no nacional.