Desde aquel 31 de agosto de 2016, en que Dilma Rousseff foi deposta da presidencia do Brasil por un golpe de Estado encuberto e organizado por suculentos tentáculos da dereita, mobilizando todos os extremos corruptos e posicionando no poder o home de palla e corrupto Michel Temer, que asumiu ser o presidente desa dereita depredadora dos Dereitos Humanos mais simples, que potencia o racismo, a misoxinia e unha ditadura tapada baixo un ficticio manto de falsa democracia, que é o que representa o candidato da extrema dereita Jair Balsonaro. A esquizofrenia antidemocrática de Balsonaro testemuña todas as atribucións da dereita brasileira que mantén o antigo rango ideolóxico fascista-militar. O Brasil manifesta, en súas multitudinarias manifestacións contra Balsonaro, potenciar a liberdade, o emprego e rebaixar o alto índice de pobreza. Isto é o que está potenciando, como elemento prioritario, o Partido dos Trabalhadores (PT), representado por Fernando Haddad, como candidato á presidente, a quen acompaña, como aspirante á Vicepresidencia, a dirixente do Partido Comunista do Brasil Manuela D’Ávila, nas eleccións xerais do próximo 7 de outubro. En todo este desasosego creado pelos dous anos da presidencia de Temer, este fardou de opulencia a unha dereita de vestixios militaroides, na que está asentada a parafernalia de Balsonaro e seus cachorros.

 

Mais o antídoto contra a legalidade democrática, contra o PT, seus líderes, militantes e simpatizantes, non prosperou ante un pobo desposuído desa legalidade que continúa coa fronte ergueita e co ánimo consolidado que ve medrar esa ansia por democratizar as instancias do poder, estranguladas por Temer violando os Dereitos Humanos mais simples dos brasileiros. Coa lexítima presidenta Dilma, deposta da presidencia do Brasil e do ex-presidente Luiz Inácio Lula da Silva na cadea de Curitiba, desde o pasado marzo, acusado de corrupto e doutras infamias, realmente púxose en práctica a intención de descabezar o movemento operario e popular, coidando que depoñer e encadear a líderes ía impor medo á peonada de base para que desertara de súas filas. Mais Lula está no cárcere, e como dixo o mítico D. Mendo, escénico: “Os mortos que vós matades gozan de boa saúde”. Neste caso: os que encadeades, gozan de longa saúde liberadora. Lula da Silva está en prisión para imposibilitalo de que se presentara como candidato á presidencia da República. E neste escenario fraudulento está impedido para exercer os seus dereitos. Lula naceu o 27 de outubro de 1945 no Estado e Pernambuco, está a piques de facer 73 anos de idade. Non poido negar a miña simpatía por este dirixente do movemento proletario do Brasil que encarna o PT, e tamén saliéntanme as circunstancias coincidentes que os dous compartimos, como é o mesmo ano de nacemento, os dous fomos metalúrxicos, estivemos no movemento político sindicalista contra dúas ditaduras, a dos militares do Brasil e a de Franco en España. Os dous fomos asediados polos esbirros do fascismo e os dous somos fillos de pais analfabetos. Unhas circunstancias ben paralelas, gardando visíbeis distancias ben impares.

 

A esquizofrenia antidemocrática de Balsonaro testemuña todas as atribucións da dereita brasileira que mantén o antigo rango ideolóxico fascista-militar

 

Cando vou a Recife, capital de Pernambuco, gusto de pasear pola Avda da Boa Viagem, para sentir o bater cantareiro das atlánticas ondas e ir ao Parque de Dona Lindu, a mai de Lula, e sentarme diante do monumento dedicado a ela e seus oito fillos, atravesando o Sertão da fame. Conmove esa monumental escultura da pobreza, eses rostros desnutridos e con sinxelos vestidos. Unha obra de arte que apela á reflexión e á resistencia, para que a miseria non confirme calquera tipo de alienación. Dona Lindu practicou loita, coraxe e esperanza. Lula da Silva manifestou o seguinte sobre a súa proxenitora: “A minha mãe creou a minha personalidade”. Eu tamén podo dicir o mesmo sobre a miña mai. Talvez sen as aventuras e desventuras de Dona Lindu e as carencias existenciais cicatrizadas nos seus poros e no dos seus fillos, sen elas non teríamos o líder trabalhista en luta permanente contra todo escurantismo e alienación. Dona Lindu é o reflexo de millóns de mulleres brasileiras en combate diario contra a pobreza e a indiferenza instaurada nun grande país rico cunha enorme maioría de xente pobre. Cando relacionamos esta metafísica da muller de antes e a revolta da muller brasileira de hoxe, rompendo coa perpetuación marxinal e saíndo da súa reclusión sedentaria, lémbrome do poema “Terra”, do poemario Viagem, da grande Cecília Meireles, que salientou unha excepcional descuberta da futura muller, protagonista de seus actos libertarios e permanencias sen amarras na acción de librepensadora, ao dicir: “Vi tantos rostos ocultos / de tantas figuras pálidas! / Por longas noites inúmeras, / em minha assombrada cara / houve grandes rios mudos / como os desenhos dos mapas”.

 

E nesa permanencia libertaria contra os que se unxen co óleo dos ditadores, a mobilización feminina, baixo a plataforma: “Mulheres unidas contra Bolsonaro”, con páxina en Facebook, fan unha convocatoria de manifestación en São Paulo e outras grandes cidades do Brasil para o día 29 de setembro. Aí van estar as mulleres de rostros desvendados e vencedoras de “noites inúmeras”. Imaxino a longa Avda Paulista con millóns de mulleres e homes persuadidos pola pragmática razón de proclamar a esperanza democrática que foi derrubada por Temer na súa orxía draculaniana. O grande São Paulo do que foi alcalde Fernando Haddad, o candidato da restauración das liberdades populares e dunha orde social innovadora, fronte aos índices de pobreza, de desconxunturas e, sobre todo, para eliminar ese perfil de desigualdades que predomina no Brasil dos oprobios. Dous anos de presenza de Michel Temer e de seus secuaces chegaron para laminar as liberdades e asfixiar certo benestar que propiciaron os gobernos de Lula e de Dilma, en favor das camadas máis populares e máis desfavorecidas. As mulleres brasileiras saben, moito ben, do deterioro do país en moitos niveis de desconsolada pobreza, da perda de valores sociais e democráticos e da vulneración dos dereitos individuais e colectivos. Saben moito ben do desatino machista de Bolsonaro, cando di que non violaría a certa deputada do PT por ser fea, ou que as mulleres son un deslice dos homes nun acto sexual. Mulleres unidas por un Brasil de esperanza, coa contundencia que demanda parar a Bolsonaro, o capitán do exército e nostálxico da ditadura militar. Con certeza, este ditador misóxino é de esperar que sexa vencido nas urnas co valor e portento feminino.

 

Imaxino a longa Avda Paulista con millóns de mulleres e homes persuadidos pola pragmática razón de proclamar a esperanza democrática que foi derrubada por Temer na súa orxía draculaniana

 

En tempos da ditadura militar no Brasil (1964-1985), Drummond de Andrade publicou en 1973 o poemario As Impurezas do Branco, unha enorme testemuña de amenceres e de esperanzas futuras, capaces de desterrar o desasosego daquelas tebras militares que aferrollaron as liberdades civís. No poema: “Canto Brasileiro”, do sinalado libro, rescatamos estes versos do pensamento drummoniano e da súa aspiración cívica para superar os traumas que soportaban as xentiñas do pobo raso e non só: “Confuso amanhecer, de alma ofertante / e angústias sofreadas / injustiças e fomes e contrastes / e lutas e achados rutilantes / de riquezas da mente e do trabalho, / meu passo vai seguindo / no ziguezague de equívocos, / de esperanças que malogran mas renascem / de sua cinza morna”.

 



x