A globalización, no seu escenario económico, coa presenza de Donald Trump na presidencia dos Estados Unidos, co seu populismo e reclamo cara ao pasado “glorioso” do imperio, agora en desfeita, coas accións violentas e cos excesos sen causa, está feita de actos estéticos que exploran receptividades para descubrir actores que defenden o culto ao fascismo. A ascensión de Trump a un poder desmedido e violento abriu as portas a ese fascismo estético que deu pasos axigantados en Occidente, e na Europa atrapada nas súas propias confusións inestábeis. A Europa das recesións inacabadas, propiciando máis pobreza na pobreza, da que sae inesperada militancia que abastece as fileiras fascistas; a peonada marxinal e o lumpen, que perderon a súa propia característica proletaria e urbana. Agora dispón doutros dispositivos e combinacións mais sofisticados que complementan a nomenclatura tradicionalista e amplían seus apéndices de dependencia populista. Dialecticamente, o tradicionalismo foi a fase dominante do fascismo, e este a fase superior do tradicionalismo, que veu dado por aquel pensamento católico que tivo un activo importante na reacción contra a Revolución Francesa.

Cando examinamos os diversos estratos e comportamentos fascistas do século XX, decatámonos que en cada país houbo unha mobilidade ben diferenciada pero unida polo lazo da tradición. O falanxismo joseantoniano, tan devoto do fascismo mussoliniano, nutríuse da tradición católica-militarista, tan útil para un ditador como Franco, —tradicionalista e monárquico— sen ser do credo fascista, amparouse nel para converterse nun matachín cos métodos do fascismo e co apoio da igrexa española e a clase burguesa de fervor tradicionalista. O fascista recluíuse na tradición reivindicando os peores persoeiros temerarios, tal como ensanguentaron a cruz coa espada os emperadores romanos, Carlomagno, Xoana de Arco, o Cid e os Reis Católicos e Viriato. Tales son os grandes vultos épicos creados para decorar o tótem do fascismo de Italia, da Alemaña nazi, da Francia tradicionalista, da España franquista e do Portugal salazarista, respectivamente.

O falanxismo joseantoniano, tan devoto do fascismo mussoliniano, nutríuse da tradición católica-militarista, tan útil para un ditador como Franco

 

O século pasado presentounos algunhas variedades do fascismo, amparadas por diferentes clases sociais. No caso da Alemaña derrotada na I Guerra Mundial , a aristocracia e a burguesía procuraron o home útil para a revancha, e Hitler conformou o fascismo máis cruel e histérico, apelando a un politeísmo pagán ben confrontado, por veces, ao catolicismo. Mussolini foi unxido por unha clase media confusa e derrotada polas controversias da I Guerra Mundial, o ditador fascista ofreceulle porvir no seu expansionismo do chamado II Imperio Italiano en Albania, Libia e Etiopía. O apoio da clase media, do clan militar, foi decisivo e, tamén, o apoio indispensábel da Igrexa tan agradecida polo Pacto de Letrán de 1929, en que Mussolini confería a Pío XI a creación do Estado do Vaticano independente. 

Vemos de novo os alicerces da tradición sostendo modelos fascistas que procuraron apoio na clase proletaria. Así aconteceu co Partido Justicialista arxentino, creado polo xeneral Juan Domingo Peron. De 1939 a 1941, Perón estivo facendo cursos de capacitación de diversas disciplinas na Italia de Mussolini. De regreso a Arxentina pronunciou varias conferencias sobre a Italia e a Alemaña bélica. Perón foi o prototipo populista e demagogo desa terceira vía fascista dirixida a atraer os chamados “descamisados”. A súa prédica destinouna ás inmensas masas empobrecidas e con elas conquistou o poder.

O tradicionalismo, sustentador do ideario fascista, foi un activo contra a modernidade e a tecnoloxía, e a Igrexa Católica abominou e incitou todo aquilo que non estivese no parámetro da tradición conservadora. León XIII condenou  o socialismo, a democracia e non aceptaba as tecnoloxías modernas. Para este papa, o invento do automóbil era unha idea satánica. O seu sucesor, Pío X, expuxo na encíclica Syllabus as fórmulas para combater o liberalismo e a democracia. As súas encomendas e directrices forneceron o legado tradicionalista máis acedo que procedía da Igrexa medieval. Neste sentido, o fascismo foi o devoto indispensábel á hora de atenuar os apelos conservadores e accionar fórmulas castradoras para frear elementos evolutivos e democráticos. Neste sentido, a ciencia e a cultura é para o fascismo un mal endémico que hai que hai que corrixir ou mutilar. A cultura das masas en liberdade, ou que aspiran a ela, non deixa de ser unha profanación á tradición e a esa pirámide clasista, en que  cada grupo social debe respectar o estado en que foi colocada por deus, isto é un elemento clave no inventario de negación fascista. Ao respecto, Joseph Goebbels, ministro de Propaganda do Terceiro Reich, dixo: “Cando escoito a palabra 'cultura', boto mao á pistola”. Unha certeira e delirante diatriba que se usou durante os réximes fascistas, contra intelectuais, librepensadores, profesores e estudantes: vil guarida de comunistas e dos sen deus. A palabra libre e soberana foi perseguida e asasinada. O berro xenocida de Millán Astray “Muera la inteligencia y viva la muerte!”, ilustra os síntomas totalitarios do fascismo que aínda hoxe prevalece como advertencia a tantas actitudes sociais e democráticas. Esta hostilidade é un sinal preocupante para a comunidade cultural e científica en desacordo cos síntomas con que o fascismo de hoxe apela á tradición, doutra maneira diferente e máis camuflada a posturas anteriores.

A ciencia e a cultura é para o fascismo un mal endémico que hai que hai que corrixir ou mutilar

 

A distinción máis perversa de todos os fascismos é aquela que ten entre as súas prioridades a de combater o outro, o diferente. Combater a diversidade é un estímulo que o fascismo propaga para confrontar e estimular a frustración dos nacionais que son vítimas do sistema laboral e do desemprego, presentándoos como un mal que procede do foráneo, do invasor. Así é como o sistema económico que produce estes desaxustes e enfrontamentos posibilita un espazo confortábel para que o fascismo actúe dunha maneira humillante e subordinada. Por tanto, o asedio fascista procura obstinadamente o complot contra o diferente. A xenofobia é o maná velenoso mais propicio dese complot, obsesivamente fascista, polo seu carácter elitista e racista. Cunha extraordinaria carga relixiosa que retoma os singulares vicios e ameazas fundamentalistas. O maior exponente desta doutrina relixiosa-fascista é o tele-predicador protestante e magnate da comunicación, Pat Robertson, autor do libro The New World Order, onde se confirma que xudeus, masóns e negros proxectan as maiores maledicencias coas que seica ameazan. Robertson volve coa obsesiva conspiración do outro, do diferente. O contubernio ilusionista e mesiánico leva os iluminados Robertson e Trump a procurar o enigmático espazo do Armaxedón apocalíptico. O fascismo monolítico emerxendo con obstinadas modalidades de populismo, erguéndose como bandeira da xenofobia, do racismo e da misoxinia. O vitimario está no plan e é unha cuestión de tempo.          


     



x