A pérfida insensatez humana, tan sobrada de triunfalismos inmerecidos e de poderosas vaidades, actualmente é un tema que xa non se cuestiona polas frecuentes rivalidades de persoas, grupos ou nacións. Xa moi poucos se custodian e garnecen ante a indignidade e os vilipendios que producen certos persoeiros, faltos de reflexión e capaces de engolir o seu abominábel vómito. Que sería deles sen as frecuentes rivalidades e liortas nos que resplandece o seu idolátrico ego? A hipocrisía e a necia fanfurriñada na que estamos instalados non nos deixa ver o homúnculo que somos, pola gravidade dun fatal parasitismo ético. A ambición de ser e estar por enriba das nosas posibilidades e esforzos, decrecendo en fórmulas fraudulentas, sen respectar os tempos que dita a metamorfose que nos asiste. O ego idolatrado, admitindo que nós intentamos ser, sen sabelo, unha especie de pantocrátor románico que exhibe seu lema estático e egocentrista: “Ego sum lux mundi”. 

 

É así como negamos as posibilidades limitadas da nosa formación natural a que floreza por outro vieiro. O súper heroe, no seu fascíneo por arengar falsas esperanzas no que desexa ser, mais non é. A virilidade que manifesta esa mocidade de xenerosa rebelión, que roza coa insensatez da heroicidade de ir alén do que non permiten os estadios temporais. Neste caso, as advertencias veñen alén da nosa era, xusto da sentenza bíblica que o capitulo 3 do Eclesiastés manifesta nos seus primeiros versículos: “Todo ten a súa hora, e hai un tempo fixado para cada asunto baixo os ceos: Un tempo para nacer, e un tempo para morrer, un tempo para plantar e un tempo para arrincar o plantado”. Mais estas precisións sobre a naturalidade dos tempos físicos aos que está sometido e suspenso todo ser vivo ten un indicativo no inicio do Eclesiastés, que non deixaremos de subliñar: “Vaidade de vaidades! Todo é vaidade”. Por tanto, a vaidade que desprega o ego flaxela as posibilidades de tentar recoñecernos no que marca a metamorfose da temporalidade existencial. Pode que calquera reflexión sobre a nosa existencia nos leve á seguinte metafísica poética que nos deixou Rosalía: “Luz e progreso en todas partes.... pero / as dudas nos corazós, / e bágoas que un non sabe por qué corren. / e dores que un non sabe por qué son”.

 

A vaidade que desprega o ego flaxela as posibilidades de tentar recoñecernos no que marca a metamorfose da temporalidade existencial

 

O ego de moitos exercendo de camarlengo da mediocridade, en temas tan sensíbeis como son aqueles que precisan dun abastecemento de dignidade para superar o nefasto “Ego sum lux mundi” que os aflixe. Mentres non nos recoñezamos na antítese da mediocridade do ego, a vaidade suplantará todo designio de colocarnos no todo é relativo e nada absoluto. Desde Protágoras a Einstein, o home insistindo que el é a medida de todas as cousas. Un excelente relato do relativismo ético que negou as regras universais do absolutismo e, por iso, non existe unha única verdade, existen tantas verdades como individuos hai. Mais estamos nunha fase en que impera a imposición do absoluto, e se despreza facer unha autocrítica relativista para desertar de ideas inmobilistas que imperan e obedecen a certos desordes. Se retrocedemos aos nosos anos mozos e analizamos o noso escenario absolutista de ambicionar cousas imposíbeis e inalcanzábeis non poderemos nen concorrer nen entender os cálculos cos que se procesan o tempo e o espazo que nos toca vivir. 

 

Que diremos das xeracións que traspasaron o limiar dos setenta anos, como eu, que persisten no ímpeto do absolutismo sen pensar que todo é relativo, que o noso tempo pasou para non seguir persistindo no que xa un pode desexar ou acadar sen ter en conta a mudanza do tempo e do espazo. Así, tristemente, vemos a moitos políticos e a intelectuais da vella usanza, teimando con ousadía nese egocentrismo que os alimenta, deletreando o silabario das súas propias contradicións. Que tristura, cando vemos persoas que foron útiles nun espazo social determinado e persisten en dar directrices sen pensar que todo é relativo. E se algo fixeron de útil noutro espazo de tempo, a súa persistencia inmobilista de hoxe conmove observalos na ambición idólatra do seu ego intentando impoñerse alén do que ditan as leis naturais. Este síntoma fatal manifestouno Baltasar Gracián no seu libro El arte de la prudencia, sinalando: “Máxima es de acuerdos dejar las cosas antes que los dejen. Sepa uno hacer triunfo del mismo fenecer, que tal vez el mismo sol, a buen lucir, suele retirarse a una nube porque no le vean caer y deja en suspensión de si se puso o no se puso. (...) Jubila con tiempo al adversario al corredor caballo y no aguarda a que, cayendo, levante la risa en medio la carrera. Rompa el espejo con tiempo y con astucia la belleza, y no con impaciencia despues de ver el desengaño”. Se todo é relativo, e todo ten o seu tempo, como é que se limita a nosa vaidade fronte cousas imposíbeis de posuír?

      



x