As máis de seis mil festas anuais que se celebran en Galiza, de diverso rango, perfil e modalidade, perpetúan unha tradición milenaria. Ademais non deixa de ser unha autoprotección ante imposicións e introducións foráneas que os que nos desgobernan intentan atrapallar e alterar o espírito festeiro e festivo identitario. Hai festas plenamente impregnadas no contexto popular en toda a xeografía galega que son un exemplo a seguir na actualidade, como a de Pardiñas de Guitiriz, entre tantas outras, onde percibimos esa dose cargada de humanismo, pola simple razón de que é popular e danos tódalas medidas do lírico, do lúdico e do comunal. Mais as mudanzas temporais e xeracionais trouxeron outros desafíos da modernidade mal entendida e interpretada, onde as comenencias económicas introdúcense e alteran o que permaneceu por in saecula saeculorum das nosas festas. A festa espectáculo das orquestras que actualmente converten o activo festeiro dun pasado recente en estático observador e un tanto abraiado polos decibelios enxordecedores que emiten todos eses aparellos auditivos.

Os intereses económicos impoñen a súa canónica agresiva en diversos ambitos, que non responden ás peculiares festas feitas e realizadas á medida do pobo. Dun pobo activo e non paralizado no papel dun simple espectador. Os cambios son ben notábeis, nos ecos comunais, na instrumentación, no convivio, como ben fai notar Manuel María, no seu libro: “Versos para cantar en feiras e romaxes”, resaltando: “Á sombra das vellas carballeiras / xa non se escoitan muiñeiras / como no tempo dos avós”.

E nesa visión tan nítida e soberana que tiveron os poetas galegos cando nos alertaron do que se perde e do beneficioso legado que deixamos perder. Estas queixas veñen de lonxe, no que se recada no Cancioneiro galego-portugués. No século XVI encontramos esa queixa do que deixamos perder. Unha das voces do quiñentismo portugués, como a de Gil Vicente, alertaba da alteración tradicional: “Em Portugal ví eu já / en cada casa pandeiro, / e gaita en cada palheiro; / e de vinte anos a ca / não há gaita nem gaiteiro. // Só en Barcarena havia / tambor em cada moinho, / e no mais triste ratinho / s’enxergava hüa alegria / que agora não tem caminho. // Se olhardes as cantigas / do prazer acostumado, / todas tem som lamentado, / carregado de fadigas, / longe do tempo passado”.  E no ir deste laio vicentino, da perda do pasado, os versos de Noriega Varela, escritos en 1904, enfatizan o que se perde no presente. No seu dicir: “O que a Galicia mal queira / pode vivir sosegado: / fun o vinteoito á feira / e non vin unha monteira, / nin un dengue colorado. // Quezais alguén me non crea: / os sombreiros de Sevilla / están de moda na aldea, / e n’hai bonita nin fea / que non chufe coa toquilla”.

Nesta nosa Galiza actual os acentos pasado que toman renovo aniquílanse por decreto. Aos colonizadores actuais moléstalles a perpetuación do noso pasado. No prodixio do pasado a tradición aínda respira nestas manifestacións festeiras. As nosas festas tradicionais continúan sendo un dos atributos que revelan autoridade comunal da nosa singular personalidade, que nos conduce no ser e no estar a un acto dinámico de plenitude e contundencia de ser galegos. De vivir e convivir dentro dos lindes xeográficos marcados polo noso idioma, pola nosa psicoloxía e por todo o que nos sustenta e nos diversifica dos demais.

Nesa ampla cultura inmaterial que nos acolle, as festas son un elemento inalterábel de permanencia, onde a sobriedade do pasado lexitima todo ese ventallo identitario no que permanecemos, tantas veces sen sabelo. Da tradición festeira do ciclo castrexo, dixo Estrabón: “Os galegos eran frugais pero non desprezaban a fartura e a ledicia dos banquetes festeiros. No intre de beber viño executaban danzas ao son de frautas e trompetas, consistindo en pórse en rolda, choutar no ar, e axeonllarse”. Mais os cantos e as danzas non se reservaban só para as festas, como o refire o cronista Silio, cando describe aos mozos galegos do exército de Aníbal, dicindo que “cantaban versos descoñecidos, divertíanse facendo resoar seus escudos e emitindo un ululare (aturuxo)”. Velaquí os vestixios e as frecuencias da tradición que aínda permanecen connotando presenza e convivencia.

Como podemos explicar esa transcendencia do pasado que permanece no presente, sen valorar ese sentimento nacional aínda que non teñamos conciencia de nación? O proceso histórico destas manifestacións festeiras remítennos á común orixe destas prácticas. Aínda que os nosos colonizadores pretendan dicirnos que hai unha ruptura entre o pasado e o presente, no caso galego, intentan desfigurar un dos atributos festeiros que potencia a nosa idiosincrasia. Mais, coidadiño coas pretensións de homologación e das tendencias que afloran no desprestixio das nosas manifestacións culturais, erixidas polos colectivos populares.

Unha das tradicións mais potentes e comunitarias son as festas, non as que nos veñen de fóra, nin da imitación que emerxe dentro da nosa colectividade que desfiguran o herdo dunha cultura, senón as que sustentan o noso espírito comunal e identitario. En tódalas modalidades destas festas podemos entender o significado máis expresivo da tradición e o valor desa sustentación histórica dun pobo que intenta superar estancamentos. Na transcendencia histórica dos pobos o que non sexa tradición é plaxio. A tradición emancipa, o plaxio equivale a desfeita e a desnaturalizar as lexitimidades creativas dunha cultura autóctona.

A tradición cultural dun país como o noso, non soamente é o que se le, o que se di e as imaxes que se emiten del, hai outros valores instrumentais que debemos activar para dimensionar e continuar potenciando a súa continuidade comunitaria, social, cívica e cultural, que sostén o que realizamos en irmandade, cando participamos de eventos de tradición popular. Cando os galegos falamos de festas e romaxes populares, sabemos moi ben do sentido explícito do mesmo e non de superficialidades e desusos.

Por que os galegos conformamos unha nación? Porque temos un sentimento de Matria que nos leva a expresala en moi diversos e puntuais transcendencias. As manifestacións festeiras, tanto no ámbito cívico como relixioso, normativizan a tradición como fronte e barreira contra o intervencionismo de culturas foráneas que intentan imporse sobre a nosa. Se damos unha ollada aos eventos festeiros e festivos de santoral, partindo do que sinalou Estrabón, pasando polas evocacións de Prisciliano e polas regulacións e prohibicións de certas festas polos tres concilios de Braga estaremos na conta de que defende e de quen destrúe. A indispensábel aportación do universo trobadoresco galaico-portugués, a esa ampla diversidade de festas que eles ampliaron, cuxa expresión máis contundente de afirmación tradicional e popular son os nosos Cancioneiros, dadores e transmisores de boa parte do noso existencialismo nacional.

Por tanto, nas nosas festas, pese a certos excesos estrambóticos, non podemos de deixar de ver un renacemento, no son das cítaras, violas zanfonas e gaitas que consolidan a danza das danzas: a  muiñeira. Renacen as pandereteiras e unha ampla instrumentación en desuso. Voces cargadas de enxebreza redencional. Por tanto, Galiza ten profundos respiros de permanencia. A música e a danza, os comes e bebes, sempre permanecen na troula da irmandade, convite certo a todo aquel que pasa diante dun mantel tendido e florido. Velaí a delicadeza dos que fan tradición co aturuxo conmovedor e panteísta que resoa polas carballeiras protectoras do noso propio misterio.