Parece que varía a estridente rutina de achegos electorais, de farsas e farsantes que continúan pola desprezada vía de desconcertos e tramas de activo amaño, nos que se detectan desprezados  movementos que revelan, desconfianza e acritude, na sermonística ditatorial que emiten. Vemos que a correcta conxugación do verbo deslízase cara unha incomprendida verborrea inquisidora. É verdade que o taboleiro do xadrez político non cambiou, mais parece que o valor e o movemento das fichas están noutro ámbito de perspectiva. Perderon a rota orixinal, o marco polo que non poden cambiar de lugar e de posición. Alterouse a superficie do taboleiro. Os trazos e as liñas marcadas polas que ten que transitar un alfil, unha torre ou un peón poden cambiar de dirección, incluso suplantar o lugar do outro.

A transgresión do taboleiro político é lícita e recoñecíbel, en todo o que implica defenestrar o adversario e activar o inadmisíbel. O anatema é a mellor virtude que asumen varios políticos para actualizar con virulencia a mentira, o insulto, o odio e a violencia, como composto de impor intereses opacos e a tantos aduladores que ambicionan crear desasosegos que superen o debate e a norma, en vez de esclarecer a verdade. Estamos nun amplo ámbito político de colisión, e seu maior expoñente localizámolo na contundencia das dereitas máis agresivas.

Estamos nun tempo e nun tempero electoral no que temos que evitar as improvisacións e non equivocarnos de percorrido

 

Estamos nun tempo e nun tempero electoral no que temos que evitar as improvisacións e non equivocarnos de percorrido, por eses espazos que delimitan o xadrez político actual, tan cambiado e cambiábel no que priman os imprevistos e as fórmulas inéditas, cuxa presenza faise inevitábel en circunstancias moi determinadas e controladas. Políticas emerxentes que se poñen en práctica dunha maneira desestabilizadora e demagóxica, que teñen os seus implicados adeptos, captados e articulados por unha propaganda que ten variadas vías de penetración, nas confluencias mediáticas, non só operan nun reducido espazo, senón que este ten un carácter universal, que espalla consignas e estratexias ultra conservadoras, por parte dunha dereita extremadamente actualizada, que asume e exhibe as súas visíbeis intolerancias.

A esquerda ten que aprender a entenderse entre ela, modificar o seu discurso para motivar un novo rol, de actuación e referencia pragmática en súas aspiracións e mobilizacións. Estar moi atenta aos pasos e aos xestos que dá a dereita e, sobre todo, aos que dá a sociedade nas súas complexas deficiencias. As clases populares, tan esquilmadas e sumidas en tantas flaxelacións sociais e económicas, por culpa desa revolucionaria conxuntura do capitalismo imperialista e de seus secuaces imitadores que se robustecen no ideario e na actuación fascista. Esa revolución alienante que produce millóns de persoas empobrecidas que os capitalistas chaman crise económica, mais non nos explican as súas orixes nin as gravísimas consecuencias que soportan os desposuídos. E estes asumen a súa propia catástrofe con indiferencia, e tantas veces debrúzanse neses “educadores” de discriminados, que os orientan cara os que propician a súa propia desgracia. A manipulación fascista ordenando o itinerario dos simples.

Temperar o tempo electoral é unha esixencia de máximos que corresponde a unha esquerda que debe facer unha autocrítica moi severa

 

Temperar o tempo electoral é unha esixencia de máximos que corresponde a unha esquerda que debe facer unha autocrítica moi severa polas frecuentes contradicións de pensamento en que está asentada. Nestes momentos de preocupación, ante varias eleccións que se van producir no Estado español, e polo que acontece neste mundo global, onde a dereita unifica o seu perfil. O avante da ultra dereita e de seus emisarios esixe unha lectura, tendo como referencia a composición do goberno autónomo de Andalucía. Unha lección da que podemos extraer moitas advertencias. A lectura sobre o resultado das eleccións de Andalucía, por moi simplificada que sexa,  dános a clave puntual para verificar o que acontece no mundo, despois desa revolución mal chamada crise económica que, con ela, o capitalismo se colocou noutro estadio superior, como dicía Marx: “O Imperialismo é a fase superior do Capitalismo”. Os comportamentos ditatoriais dun Trump ou dun Bolsonaro e doutros apéndices facistoides manifestan o escenario de extremos en que estamos sumidos, como logran colocarse nun poder absoluto, partindo do trampolín da democracia burguesa.

Os galegos temos que posicionarnos no extramuros dese centro visíbel e tan cercado e protexido por un dominio manipulador, no que nos engloba ese totalitarismo tan eficaz que nos circunda. É tempo de posicionarnos lonxe da utilidade, da manipulación e da desorde na que está flaxelada a Galiza. A enteireza redencional debe levarnos a unha actitude que amplíe certeza do que somos e defendemos. Certeza e mudanza teñen que ir de maos dadas nestes tempos de transformacións, progresos e, tamén, retrocesos.

No ámbito galego, non podemos sentirnos avantaxados mentres que as transformacións necesarias ás que aspiramos non as fagamos á nosa medida e idiosincrasia. Para iso é preciso o arranxo do voto identitario, creando capacidade para alterar as vellas fórmulas que se ditan desde o centro de entre muros. No que respecta ao parlamento español, os galegos non estamos representados por ese bipartidismo caduco e homologado no estatalismo de discurso único e de cocido madrileño para todos.

Por outra banda, outras forzas galegas que si que están nese parlamento esvaran coas súas siglas ás costas por camiños de división e orfandade. A redención e o progreso social da Galiza virá polo nacionalismo progresista que leva anos traballando e posicionado nas reivindicacións máis esixentes ante as carencias que soporta o noso país. Por tanto, o voto para o parlamento español é necesario para que os galegos teñamos voz propia, como tivemos noutros tempos non lonxincuos.

O voto municipal aos concellos, no próximo maio, é vital para dinamizar a vida comunal desde o contexto galego, non é entendíbel outra orientación de dirixir o voto a novos partidos que ameazan ao noso idioma, con primar mais aínda o castelán ou con ameazas de prohibir o galego. A peripecia continúa servida polos partidos do extinguido canon bipartidista, uns calaron e consentiron o desorde, e os outros crearon unha considerábel e vixente desfeita.