O “Día das Letras Galegas”, presentado como proxecto na sesión do 28 de abril de 1963 polos académicos Fernández del Riego, Gómez Román e Ferro Couselo, pretendía inicialmente ser unha efeméride “dedicada a honrar nuestros libros” para “enaltecer y difundir el libro aquí producido”. Non esquezamos que os tres propoñentes e gran parte dos numerarios da RAG tiñan relación directa, e desinteresada por suposto, coa editorial Galaxia que estaba xa navegando polo mundo do libro. Tamén Carvalho Calero, por suposto, presente na sesión citada.

 

Durante os 55 anos transcorridos, aquel propósito inicial mudou sustancialmente grazas á intervención, principalmente, do pobo, representado nos centros docentes, nos concellos, asociacións culturais, fundacións, etc. 

 

Foi un proceso lento como a maioría dos eventos culturais protagonizados polo pobo, que se foi sumando pouco a pouco, facendo unha moi particular lectura do chamamento inicial da RAG.

 

Cobrou importancia editorial o título “vida e obra”, aquilatadas, en non poucas ocasións, pola súa lealdade á nosa cultura e, o máis importante, foise ampliando o tempo de celebración que pasou dun día a todos os días do ano: exposicións, recitais, audiovisuais, adaptacións musicais, representacións teatrais, presentación de libros, concursos e premios diversos,  nunha exaltación celebratoria da nosa cultura, tan necesitada de visibilidade e apoio. Esta nova lectura do Día das Letras Galegas ten, sen dúbida, o seu punto de inflexión no ano 2006, centenario da institución.

 

Consolidada como festa cultural celebratoria protagonizada polo pobo, todas as propostas, ao noso entender, son válidas para protagonizala, dependendo a súa oportunidade do contexto socio-cultural e político. O acerto final depende, en gran parte, da conexión da RAG coa sensibilidade popular. E aquí comeza o problema.

 

Consolidada como festa cultural celebratoria protagonizada polo pobo, todas as propostas, ao noso entender, son válidas para protagonizala

 

Desde o ano 1997, que toma posesión como presidente Fernández del Riego (1997-2001), pasando por Xosé R. Barreiro (2001-2009) e Méndez Ferrín (2010-2013), a RAG comezou un proceso de comunicación coa sociedade sen intermediarios como resultado dunha política cultural independente e recuperadora tras anos de silencio e parálise. A personalidade protagonista, despois de 2005 e durante varios anos, era elixida nun plenario no que eran consideradas todas as candidaturas que tiveran unha razoada defensa. Posteriormente era oficializada a elexida noutro plenario no que se convocaba a prensa. Consenso? Non, sentido común, o máis democrático dos sentidos porque todos, sen excepción, coidamos ter dabondo.

 

Paralelamente, a RAG, consciente de que era necesario fortalecer a capacidade orientadora da cultura para establecer relacións significativas entre persoas, institucións e acontecementos, promoveu, con este fin, unha serie de actos por toda Galicia:

 

Os nomes de Tui, Betanzos, Mondoñedo e Carral volven a lembrarse  para  facer visibles certos acontecementos históricos e fundacionais. Os fondos institucionais, enmudecidos durante tempo inmemorial, aparecen en exposicións e na imprescindible páxina web. 

 

Consenso? Non, sentido común, o máis democrático dos sentidos porque todos, sen excepción, coidamos ter dabondo.

 

E ata os actos máis humildes teñen unha finalidade e un obxectivo de futuro: homenaxes a Nicomedes Pastor Díaz, Ánxel Casal, Curros Enríquez etc., recorrendo “lugares da memoria”.

 

A remodelación da entrada e do salón de actos, que inundou de luz o que era un zaguán quevediano, semella a metáfora do cambio. Os protagonistas da invisibilidade e dos silencios anteriores enmudecen e asisten expectantes, con preocupación certamente, polo rumbo e deriva que estaban a tomar os acontecementos.

 

As institucións sacralizadas polo poder político conservador ven con preocupación unha RAG que navega marcando ronseis e camiña deixando pegadas firmes e profundas na sociedade que estivera a ser pastoreada polo piñeirismo. Deste pastoreo proceden os baladores que acoden puntuais cando son convocados para votar.

 

As circunstancias e intereses concretos que se conxuraron para impedir que a RAG seguise o camino emprendido, serán expostos nun libro de próxima aparición debidamente documentado. Pero vou tomar prestadas palabras sabias para resumilas: “…o poder conservador, esta confraría sen fe, só é eficaz, como no mal fútbol, á hora de lesionar o adversario. A arte de dividir, de encirrar. Velaí o que pasou na RAG. Xusto cando a Academia Galega estaba a ser oída, cando trascendera os lindes do academicismo e acadaba unha repercusión cívica no eido da lingua e a cultura, xusto nese intre, fíxose estoupar. Puxérase en marcha o único departamento que funciona con eficacia no poder conservador: a fábrica de fel e vinagre.” (Luzes, 21, 2015, pp. 8-9)

 

As circunstancias e intereses concretos que se conxuraron para impedir que a RAG seguise o camino emprendido, serán expostos nun libro de próxima aparición debidamente documentado

 

Desde aquela, 2013, tomaron a palabra os caladiños, os resentidos, que con linguaxe sancristánica e moral claustral e inquisidora, postergan, planifican e condenan.

 

Hoxe a RAG é unha simple asociación cultural que vai detrás do griterío e do lugar común. E cando non sabe que facer, programa un recital ou un concerto. Non vai ser doado rescatala. Está instalada e convencida do seu papel mediador, tan fundamental en todos os sistemas relixiosos. A figura e función  do mediador na cultura galega -exercida noutras culturas por bruxos, sacerdotes, santos, profetas e ocultistas- nace arredor das sesións de espiritismo da mesa-camilla de Ramón Piñeiro, inspirador dunha RAG dotada de “autoridade lexislativa”, “a súa máis alta misión.” (Informe de Ramón Piñeiro á RAG, 1962, publicado polo profesor A. Santamarina).

 

Hoxe a RAG é unha simple asociación cultural que vai detrás do griterío e do lugar común

 

Postergando, unha vez máis, a candidatura de Carvalho Calero a RAG non fai outra cousa que reforzar o seu espírito moralista, tridentino e inquisitorial. Porque máis grave que o castigo ao heterodoxo son os argumentos para condenalo e anatematizalo: por primeira vez defendeuse unha candidatura, atacando con vileza outra; voces de ultratumba proclamaron que a disidencia non ten lugar, esta é unha igrexa ortodoxa, que non pode escandalizar e perverter os nenos das escolas. Creouse diante dos nosos ollos a figura do "marxinado oficial" ou oficializouse a marxinación. E en caso de que saia elexido Carvalho Calero a RAG terá que poñer, seguiron as mesmas voces, unha nota explicativa advertindo “a la canalla”, estridente e minoritaria, que é un personaxe “marcado”, disidente, pendente de ser incluído como protagonista nunha futura historia da heterodoxia galega. Carvalho Calero abriu “as portas do mal”, entre outras cousas, usando a grafía alleeira “nh” no canto da españolísima “Ñ”. 

 

Tamén se quixo expoñer con rotundidade, outra volta as voces de ultratumba, que non se debía politizar a candidatura de Carvalho argüíndo a súa loita antifascista e que a candidatura de D. Antonio Fraguas é simplemente unha proposta inocente, como se fose inspirada pola monxiña do Penedo, que non pretende entorpecer outras posibles. O resultado da votación, 16/8 ,remarcado con insistencia aos medios, denota unha maioría e unha confianza tan unánimes na executiva que todo apunta a que, previos exercicios espirituais en Sobrado, é posible que  D. Ricardo sea proposto polos seus detractores o próximo ano como forma de expiar os seus pecados. “Cousas da vida, por Castelao”, como dicimos en Rianxo.

 

Postergando, unha vez máis, a candidatura de Carvalho Calero a RAG non fai outra cousa que reforzar o seu espírito moralista, tridentino e inquisitorial

 

Con razón dicía Adorno na súa Minima Moralia. Reflexións sobre a vida danada:

 

“Onde máis pomposamente se invoca a razón é onde máis infaliblemente se fai apoloxía da irracionalidade”.


    



x