Esta misiva de 22 de xaneiro de 2019, que quedou sen resposta por parte do presidente, coido que dá comprida resposta a unha parte do título do meu anterior artigo e que prometía explicar nestoutro que comezamos:

Benquerido Presidente: Lamento que non tivera atendido a miña pregunta de onte, provocada pola confusión de ser convocado a unha reunión en tres sitios distintos no prazo dunha semana. Primeiro na Facultade, despois no Gayás e onte no ILG. Temo chegar hoxe a Santiago e que vostede mudara de lugar a reunión. Rogo, caro Presidente, que se digne confirmarme o lugar da xuntanza. Aproveito para mandarlle un artigo que publiquei no Sermos Galiza (“A política cultural da Real Academia Galega e a vocación 'trilera' do seu presidente (I)” onde a expresión "vocación trilera"  responde exclusivamente aos tres sitios da convocatoria sen saber aínda a media mañá o lugar definitivo, como por arte dos "triles". Co enlace do artigo, reciba un saúdo de X.L. Axeitos.

Xustificado o título do anterior artigo cómpre, antes de nada, explicar o que entendemos por gramaticalización, o proceso mediante o que unha palabra perde o seu significado léxico, pleno, para pasar a desenvolver funcións gramaticais, digamos secundarias, como morfema auxiliar ou complementario doutras palabras. Tal é o caso do substantivo ‘mente’ que acabou asociado a numerosos adxectivos para sinalar simplemente a súa adverbialización. Así, de falar dunha ‘complicada mente’ onde o substantivo ten significación léxica, pasamos a “complicadamente” onde o mesmo perdeu a plenitude significativa. A Real Academia Galega (RAG), para expresármonos en termos lingüísticos, nos últimos tempos está a ser sometida a un proceso de gramaticalización, de perda de contidos, de deslexicalización en definitiva. Non está na miña intención que o lector relacione este símil coa gramática virtual que temos mencionado no noso anterior artigo. (Por certo que espero que, aínda que sexa encriptado nun acróstico ou no colofón, me citen como máximo impulsor da gramática académica).

O fundamento do símil está na sensación de crise, inestabilidade e baleiro que nos últimos tempos transmite a Real Academia Galega á sociedade e que está a pedir unha análise sosegada que a actual dirección non está en disposición de facilitar ao considerar como herexía toda opinión contraria.

Para analizar a situación temos que facer unha distinción entre as causas inmediatas e as causas remotas

 

Pois ben, para analizar a situación temos que facer unha distinción entre as causas inmediatas e as causas remotas. Entre as primeiras está a firme crenza de considerárense herdeiros naturais do poder institucional tal como demostra a teimosía coa que perseguiron dirixir a RAG desde o momento mesmo que vencía o mandato do profesor Barreiro. Malia carecer de proxecto e coñecemento da institución, non fixeron máis que conspirar e estar á espreita en actitude raposeira. Non sei a razón pola que desconfiaban do profesor Barreiro pero o caso é que intentaron un achegamento inquisitivo ao secretario, primeiro cos numerosos galanteos gastronómicos que lle provocaron un aumento considerable de colesterol e outras substancias lesivas (penso hoxe que era un xeito intelixente para desfacerse del sen deixar vestixio do instrumento do delito) e posteriormente cunha oferta deshonesta para “traballar na mina”[sic] como secretario ao seu servizo. A elección de Ferrín como Presidente, en fin, foi denominada por estes mandatarios xenéticos como “barreirada”, arteiro cruce analóxico entre o apelido do Presidente desafecto ás súas pretensións e o sufixo -ada, o mesmo de “burrada” e “animalada”.

A RAG en tanto que institución, e entramos na análise das causas remotas, é un sistema que pode ser estudado desde moi diversas perspectivas pero nós, seguindo a metodoloxía de autores clásicos do pensamento social, estimamos que debemos atender dúas facetas básicas: por unha parte a esfera normativa que determina os fins da organización, medios para acadalos e estrutura organizativa e, por outra, a esfera humana que debe velar polo cumprimento, desviación ou incumprimento dos devanditos fins.

A primeira das facetas devanditas, a dos fins institucionais, malia semellar moi diferentes os que recollen os primeiros estatutos –“cultivar las Bellas Letras en general”- e os actuáis – “establece-las normas referidas ao uso correcto da lingua galega”- na práctica apenas mudaron ao longo de máis de 110 anos desde a súa fundación porque a preocupación polo idioma e a correspondente normativa sempre estivo entre as súas prioridades en todo momento.

Neste artigo imos poñer o acento non tanto na esfera normativa como na esfera do persoal

 

Hoxe, neste artigo imos poñer o acento non tanto na esfera normativa como na esfera do persoal, na denominada prosopografía, entendida esta como biografía colectiva que nos permite achegarnos a unha especie de gramática (outra volta a interferir a gramática!) intrahistórica das relación sociais da institución. E dentro desta esfera, imos prescindir dos parámetros tradicionais deste tipo de investigación - número de efectivos da institución, as súas orixes sociais e xeográficas, as súas idades, o perfil dos seus estudos etc.- para centrarnos nas redes e alianzas históricas que se teñen establecido nestes cento doce anos.

Así, por exemplo, podemos dar por sentado que o primeiro nomeamento de persoal na RAG, nas datas da súa constitución, era de procedencia maioritaria rexionalista e liberal- republicana, con especial coidado á representación xeográfica, incluída a Galicia emigrante, representada mediante correspondentes e adxuntos. Malia as numerosas limitacións, a RAG afianzou un perfil laico e comprometido co país que moi ben poidera simbolizar a presidencia de Lugrís, nos últimos anos da República. Acadou esta etapa unha auctoritas necesaria aínda que personalizada en exceso no seu presidente Manuel Murguía. Dotou ao país dos símbolos nacionais -bandeira, escudo e himno- que aínda hoxe están vixentes, estableceu lugares da memoria que se converteron en mitemas fundacionais e, en fin, estableceu un vínculo sentimental de gran transcendencia coa Galicia emigrante. Os intentos fracasados dun dicionario e dunha gramática non poden facernos esquecer que a vida académica tiña nesta etapa como canle expresiva o castelán, tanto para a súa vida interna -actas e correspondencia epistolar- como para as súas comunicación externas -prensa e publicacións en xeral, incluído o Boletín. E nin sequera as demandas e protestas da emigración mudaron este vehículo expresivo.

A parálise académica durante a guerra e anos posteriores non cesa coa entrada colectiva dos 19 académicos que ingresan en 1941, que pretendían oficializar, con todas as eivas da censura da época, a reanudación das actividades académicas. Tiñan, a maioría, un perfil conservador, non distinto ao que polas mesmas datas introduce na RAE a Pemán, Euxenio Montes, Fernández Flórez ou Sánchez Cantón. A contrapartida a esta licenza oficial foi o nomeamento de Franco como presidente de honra. Antes, en abril de 1939 entraran tamén outros seis académicos, entre eles D. Narciso Correal.

A RAG ve unha esperanza no tecido cultural que está artellando, como proxecto de país, o grupo Galaxia

 

A partir da década dos cincuenta, para saír do illamento e silencio, a RAG ve unha esperanza no tecido cultural que está artellando, como proxecto de país, o grupo Galaxia e comeza a entrada sistemática do mesmo na institución: dende Ferro Couselo (1951) ata Piñeiro (1967) toman posesión un total de quince persoas.

A partir deste momento a historia e proxectos da RAG comeza a desenvolverse en paralelo ás necesidades da editorial de Vigo.

A relación entre Galaxia e a RAG é tan estreita que ata a proposta estelar en 1963 da celebración do Día das Letras Galegas por parte de Gómez Román, del Riego e Ferro Couselo, está xustificada e razoada como promoción do libro galego. O que, por suposto, non merma os evidentes logros posteriores da iniciativa.

Nos últimos anos da década dos sesenta do pasado século créase na RAG, por iniciativa de Ramón Piñeiro, unha comisión co encargo de elaborar unha norma morfolóxica e ortográfica que respondía á necesidade de Galaxia de dispor dunha normativa oficial, dubitativa ata este momento como demostra, por exemplo, a lectura do prólogo do libro de Guerra da Cal, Lúa de Alén Mar.

Neste momento Isidoro Millán propugnará desde o seu ingreso na institución, en 1975, a creación e funcionamento de seccións e seminarios propios coa finalidade de elaborar unha norma académica básica nos distintos eidos nos que tiña competencia a RAG. Esta petición, aínda hoxe interesadamente descoñecida, supoñía en realidade unha alternativa  de funcionamento da institución: organizarse de maneira que puidese cumprir os fins para os que foi creada e ao mesmo tempo sería unha pauta para eleccións futuras dos seus membros, que terían que responder ás necesidades do traballo institucional. A negativa por parte da executiva, presidida por Sabell, desta petición, motiva a dimisión, ignorada, de Isidoro Millán en 1978.