Cun Goberno Estatal en funcións estivo en primeiro plano a prórroga da concesión a ENCE en Pontevedra, mais existen outras invisíbeis consecuencias que non acaparan titulares, que non teñen cabida nos discursos que están tan de moda. Por iso gustaríame visibilizar un caso en concreto, que non é que sexa o máis importante nin o máis grave, mais sí que é o máis cercano e coñecido por min, polo feito de ser directamente implicado.

Nun dos múltiples recortes que ten aplicado o Partido Popular, decidiu suprimir a renovación das subsidiacións ás hipotecas de vivendas protexidas. A medida permitiría o aforro ás arcas públicas de máis de 1,8 millóns de euros, aforro soportado polas familias máis humildes, xa que ésta concedíase só a rendas por baixo de 2,5 veces o IPREM.

A subsidiación das hipotecas protexidas consiste na subvención aplicada en cada cota hipotecaria, reducindo a súa cuantía, recoñecida por un período de dez anos mais debendo acreditar aos cinco que os requisitos económicos non variaron. Así, as persoas beneficiarias que superasen o límite de 2,5 veces o IPREM tras os primeiros cinco anos deixarían de percibila, aplicándose o recorte exclusivamente ás rendas máis baixas.

Nun dos múltiples recortes que ten aplicado o Partido Popular, decidiu suprimir a renovación das subsidiacións ás hipotecas de vivendas protexidas

A resposta das afectadas e afectados non se fixo agardar, chegando incluso a ver recoñecidos os seus dereitos xudicialmente, en base ao principio de irretroactividade das leis. Reaccionou o Partido Popular no 2013 aprobando unha norma de rango superior, lei fronte a real decreto. Pechouse o recurso xudicial ao dictaminar o Tribunal Constitucional resolución favorábel ás teses do Goberno de España.

E no 2015 só restaba unha porta aberta ás aspiracións destas persoas propietarias de vivendas protexidas, un cambio real no Executivo. As plataformas de afectados e afectadas mantiveron conversas con todas as organizacións políticas e todas, salvo o Partido Popular, concordaron en derrogar a lei que impedía o recoñecemento dos seus dereitos. Unha vez perdida a maioría absoluta o Partido Popular, só quedaba concretar o novo goberno para cumprirse as espectativas xeradas. Namentres, os prazos legais para o recoñecemento seguían a correr.

Eis a consecuencia do non goberno. Os que presumían de ser “a xente” e de preocuparse do realmente importante só estaban pendentes da posibilidade de repartirse os postiños e de establecer unha estratexia electoral enmascarada nun insultante teatriño e miles de familias comprobaban atónitas como volvían a ser ignoradas. Caeron as caretas e o sistema volveu a gañar, monicreques con apariencia de cambio escenificando unha falsa rebeldía para evitar as verdadeiras políticas transformadoras.

Os que presumían de ser “a xente” e de preocuparse do realmente importante só estaban pendentes da posibilidade de repartirse os postiños

Nin que decir ten que este problema non existiría se a Xunta de Feijóo fixese valer a súa competencia exclusiva en materia de vivenda e reclamase un financiamento para un plan propio de vivenda protexida, en troques de maquillar o real decreto estatal cun par de apuntamentos anecdóticos. Cousas que ten non exercer o autogoberno.

Agora existe a pouco frecuente oportunidade de correxilo, debemos ser quen de mandar a mensaxe axeitada, porque se alguén non cumpre co comprimiso dado e non sufre as consecuencias operará a impunidade. E a impunidade debe combatirse.