Non sempre é doado entender a lóxica da CUP. Tena, claro. Responde a unha determinada tradición moi catalá, ese nervo anarquista que atravesou as primeiras décadas do século XX no Principat. Visto desde fóra (sempre vemos todo desde fóra), paréceme, porén, que desta volta se equivocan as e os cupaires. Ao non respaldar a investidura de Turull xusto nas vésperas de este comparecer perante o xuíz do Supremo Pablo Llarena -o prevaricador, segundo Pérez Royo-, perden unha grande oportunidade, acho, de agudizar as contradicións, a lóxica dos clásicos de que é ben distinguir as contradicións principais das secundarias. Chámanlle autonomista ao programa de ERC e JxCat -quen nos dera aquí ese autonomismo!- e destilan a retórica rupturista de rigor. Disque foron eleitas para facer República (deberan ler adecuamente os resultados do 21D, foron eleitas 4 parlamentares, non 10 como en 2015, por algo ha de ser). Autonomista, vaites, vaites. Mais quen se vai apresentar esta sexta feira perante o xuíz Llarena é Jordi Turull, quen pode ser procesado é Jordi Turull, quen pode ir a cadea é Jordi Turull. Non ha de ser por autonomista.

Teño escrito en algunha ocasión que a chave do procés é precisamente o estraño logro -estraño por insólito na xeopolítica europea- dunha alianza de segmentos sociais diversos -proletariado, pequena e mediana burguesía- cun programa autodeterminista. O capitalismo existe en Catalunya e existirá seguramente durante un certo tempo, madia leva. Hai, claro, antagonismos de clase, intereses contrapostos. O asunto non é constatar o obvio, mais si reforzar -ou debilitar- unha ferramenta preciosa, unha alavanca de transformación, fronte un Estado oligárquico, autocrático, autoritario. Estremar a posición propia para contentar a túa freguesía hate de levar de seguro a aprobar o exame de pureza ideolóxica, mais non estou certo de que vaia servir para o avanzo da causa que dis defender.

Quen se vai apresentar esta sexta feira perante o xuíz Llarena é Jordi Turull, quen pode ser procesado é Jordi Turull, quen pode ir a cadea é Jordi Turull. Non ha de ser por autonomista

 

Tampouco dramatizo. Esta é unha escaramuza máis. Os componentes do bloco soberanista que teñen máis forza social detrás (JxCat e ERC) deben manter a cabeza fría. A tarefa que teñen perante si é descomunal. Consiste nada máis e nada menos que en gañar novos espazos (é imposíbel autodeterminarse só con 47 por cento dos sufraxios) e á vez manter a CUP dentro do campo de xogo. A abstención cupaire pono máis difícil, certo, mais aínda as pontes non voaron de todo e a alianza pode (e debe) ser restaurada. Sen ela o procés ficaría en nada.