Leo que Feijóo sae na defesa de Cifuentes. Non sorprende o Prietas Las Filas vindo de alguén que aspira a ocupar a maxistratura máis alta dun partido de cultura caudillista e funcionamento xenuínamente sectario -Luís, sé fuerte-, as sociedades secretas operan así, hoxe por ti, mañá por min. A música de fondo que despide o respaldo feijoniano soa algo así como "se eu safei de algo ben máis grave -a amizade con alguén que acabou na cadea por narcotráfico e branqueamento de capitais- por que non vai safar Cristina por algo tan banal como manipular un máster". Alberto aparece magnánimo e concede o beneficio da dúbida, sabedor de que en todo caso se cae Cristina -cousa asaz probábel- a autoestrada cara á Moncloa aínda estará máis despexada. Só ficará, iso si, M. Rajoy, que non vai ceder a cadeira tan doadamente. Os corredores de Génova están cheos de cadáveres de tipos e tipas que infravaloraron Mariano.

Alberto e Cristina teñen algo en común. A ambición. E certo perfil asimilábel á oferta falsamente tecnocrática de Ciudadanos. Falaz porque baixo a aparencia de xestores impolutos o que se acha é o rosto real do neoliberalismo máis feroz e desapiadado, enchoupado dun españolismo tan primario como incapaz de ecuacionar o Estado como o que é, unha estrutura plurinacional cunha nación dominante e tres nacións dominadas.

Cristina actúa con máis naturalidade que Alberto. Está en Madrid, no seu meio. Alberto imposta máis, hai algo nel sempre prefabricado: é un político galego que quer facer carreira na capital do imperio e que non ten ningún escrúpulo en negar o país as veces que fixer falta -ou se tal desliza que no pasado todos fomos algunha vez contrabandistas, un truque para branquear os seus lazos con Dorado.

Feijóo tanto sae na defesa de Cifuentes como na dos orzamentos que nos acaba de facturar Montoro, un insulto á intelixencia deste país. El está ao que está, a ver se as enquisas torcen de vez o brazo do pétreo Mariano, que turra de fulano, que resistencia, que aguante!