A autodeterminación de Catalunya, a un paso

Xosé Mexuto - Xornalista de Sermos Galiza


Agora xa sabemos por que o Estado español (PP+PSOE) non quería un referendo de autodeterminación con todas as da lei en Catalunya: porque sabía que o podía perder.


 

Agora xa sabemos por que o Estado español (PP+PSOE) non quería un referendo de autodeterminación con todas as da lei en Catalunya: porque sabía que o podía perder. Era asumir demasiado risco. Madrid sabía -e agora temos a constatación empírica na man- que o voto independentista en Catalunya é máis potente que en Escocia, porque é máis plural, máis transversal.

1,8 millóns de persoas non só votaron Si á independencia, senón que o fixeron nunha consulta declarada ilegal polo Estado que nega a Catalunya a súa condición de nación. Na historia moderna non se ten noticia de nada equiparábel a isto en toda Europa occidental. Insumisión? Pois si, insumisión a un Estado que o mesmo día da votación puxo en marcha a súa Fiscalía Xeral para investigar a votación.

O relevante da loita catalá -como explicou maxistralmente Lluis Llach en Salvados- non é tanto conquistar a independencia, que tamén, senón conquistar a posibilidade de conquistala

Quer isto dicer que o SI á independencia gañaría na consulta definitiva? Bon, iso é moi prematuro. É evidente que, nunha consulta a SI ou NON, as opcións unionistas gañarían inteiros. Os mass media españois, cunha penetración enorme en Catalunya, activarían os seus arsenais. Bruxelas poríase acarón de España. Washington, outro tanto. A campaña do medo estaría aí.

Mais o relevante da loita catalá -como explicou maxistralmente Lluis Llach en Salvados- non é tanto conquistar a independencia, que tamén, senón conquistar a posibilidade de conquistala. Isto é, conquistar o direito de autodeterminación. E esa conquista está hoxe moito máis perto que nunca na historia.