Borrell non ten máis saída digna que deixar o sempre apetitoso Ministerio de Asuntos Exteriores e rumar cara á súa casiña, cara ao seu lar. Non é soportábel que no consello de ministros sente unha persoa que utilizou información confidencial para vender un pacote de accións e minimizar as súas perdas. E se el non o ve así, Sánchez teno que cesar e teno que facer xa. E se Sánchez non o fai, daquela quen se pon en risco (serio) de perder crédito político é o propio presidente do goberno. Non perdamos de vista, alén do máis, que o episodio advén nunha conxuntura particularmente desfavorábel para o executivo, co seu principal aliado, o Podemos de Pablo Iglesias, a pedir eleccións anticipadas ante a evidencia de os orzamentos non teren vía libre por non contaren co respaldo do bloque independentista catalán.

E se Borrell se vai, que perde realmente Sánchez? Larga lastre polo flanco españolista, de acordo, mais ese caladoiro xa está saturado, con esa batalla por ver quen é máis patrioteiro entre o PP, Ciudadanos e ese artefacto chamado Vox ao que tan sospeitosamente axudan a se popularizar os señores Casado e Rivera. A contrapartida para Sánchez é que o abandono de Borrell facilitaría as cousas no diálogo con Catalunya, o cal, visto en termos estratéxicos, interesa máis a Ferraz que a axitación das augas das pulsións españoleiras.



x