Breogán Riobóo mantén a posición e chama ao "poder de decisión" de Podemos Galiza fronte ao núcleo central podemita, que xa sabemos que é un núcleo de tradición, teoría e práctica centralista. Aquí vemos como a retórica plurinacional de Podemos bate coa praxe máis ben xacobina que sempre caracterizou a esquerda española.

A verdade é que o secretario xeral do partido morado na Galiza non se está achantando, o que desmente certas prognoses previas e coloca dificuldades non pequenas de xestión desta crise para os fieis de Pablo Iglesias na Galiza, entre os cais, claro, non está o proprio Breogán Riobóo. Temos un secretario xeral que mantén a súa lexitimidade de orixe -foi eleito en primarias- e temos unha dirección política descabezada desde Madrid, sede dun aparato que quer novas primarias para pór un novo secretario xeral digamos que máis adepto á causa. Nova vella política

O secretario xeral cruzou o ponto de non retorno o día en que ousou dicer que a opinión de Pablo Iglesias, alfa e omega do partido dos círculos, era a opinión de "un militante máis". A partir daí comezou a escorregar polo tobogán da soidade, orfo de apoios. Só ante o perigo, na bolsa de apostas poucos xogarían un euro polo futuro de Riobóo no seo do partido.