Coa economía destrozada e sen opcións reais de recuperación no curto-medio prazo, o PP aposta todo na súa bunquerización

Coa economía destrozada e sen opcións reais de recuperación no curto-medio prazo, o PP aposta todo na súa bunquerización, nun resistencialismo esencialista que visa a mobilización do seu público máis incondicional, nas vésperas dunhas eleccións, as do Parlamento europeu, tradicionalmente abstencionistas (ou sexa, nelas só participa a freguesía máis politizada) e cando aínda está lonxe a perspectiva duns comicios xerais.

Rajoy consegue así dous obxectivos: que toda a axenda xire sobre as propostas do Goberno do Estado (lei de seguranza cidadá; contra-reforma nacional católica do aborto...; Wert tamén foi útil nesa mesma dirección) e que a economía, que está fóra do alcance deste Goberno, como de calquer outro agás o imperial de Berlín, pase a un segundo plano como tema de debate (é moi elocuente do ermo en que se ten convertido a política no Estado que ningunha forza política de ámbito español poña abertamente sobre a mesa a hipótese do abandono do euro).

As contradicións vanse agudizar inevitabelmente. O Estado tal e como o coñecemos non é viábel

A Moncloa sabe que 2014 vai ser o ano de Catalunya, que non deixa de ser a expresión máis aguda neste momento da cuestión nacional no Estado. Os estrategas eleitorais do PP pensan que xa lles vai ben así. E non farán nada para acalmar os ánimos, ao contrario: Rajoy calcula que só poderá saír indemne, e reeleito nas urnas cando tocar, se se envolve na bandeira española e españolista.

Rascuños nun papel

O PP bunquerízase por un cálculo estritamente eleitoral, coa convicción de que Rubalcaba fará a súa parte do traballo: resistindo el en Ferraz, favorecerá a supervivencia de Rajoy. Ambos retroaliméntanse.

Arriola, o sociólogo gurú do PP, non dá puntada sen fío. Mas os deseños de laboratorio son iso, rascuños nun papel. A realidade non é tan fácil de apreixar. As multitudes están aí, nas rúas de Bilbo, como estiveron tamén nas de Galiza e Catalunya. As contradicións vanse agudizar inevitabelmente. O Estado tal e como o coñecemos non é viábel: nen garante a satisfacción das necesidades máis elementais para as persoas (traballo, sanidade, educación) nen resolve o problema político da existencia no seu seo de nacións con vocación de seren recoñecidas como tais.

O búnquer é unha fuxida cara ningures. Os problemas -a economía, a estrutura do Estado- están aínda, pendentes de seren resolvidos. Non hai saídas nen reaccionarias nen reformistas. O PP só pensa en chave da súa supervivencia como aparato, mais é o conxunto do sistema o que está en cuestión e o que debe ser democraticamente subvertido.